Persoal dos concellos de Pontevedra e Allariz cooperará en Cabo Verde e Nicaragua

Persoal dos concellos de Pontevedra e Allariz cooperará en Cabo Verde e Nicaragua

Persoal dos concellos de Pontevedra e Allariz cooperará en Cabo Verde e Nicaragua 1199 899 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Unha técnica do Concello de Pontevedra e outra do Concello de Allariz desprazaranse a Cabo Verde e Nicaragua para apoiar os proxectos de desenvolvemento impulsados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que ambas as dúas administracións locais son socias. As voluntarias veñen de asistir a unha xornada de formación co fin de prepararse para as estadías, que terán lugar durante un mes despois do verán.

Emma Teixeira, técnica de Orientación Laboral no consistorio pontevedrés, colaborará no fortalecemento dunha cooperativa de mulleres artesás na municipalidade caboverdiana de Ribeira Grande, co fin de promover a igualdade de xénero. Estela Iglesias, técnica de Comunicación e Turismo allaricense, apoiará a iniciativa de desenvolvemento turístico sustentable liderada pola ONGD nicaraguana Instituto de Promoción Humana-Somoto. Senllos proxectos, que buscan fomentar alternativas de emprego, están financiados polo Fondo Galego, cunha achega extraordinaria do Concello de Vigo como socio da entidade.

As seleccionadas participaron nunha xornada formativa.As dúas empregadas municipais investirán o seu mes de vacacións compartindo os seus coñecementos técnicos cos parceiros no Sur. No entanto, Vacacións con Traballo é sobre todo un programa de sensibilización no que as e os profesionais participantes intercambian experiencias, toman conciencia das desigualdades e se converten en axentes da transformación social cara actitudes solidarias. Ao tempo, supervisan as actuacións que o Fondo Galego cofinancia nos países empobrecidos e exploran novas vías de colaboración.

Durante a estadía, comparten as súas vivencias nun blog, mentres que á volta elaboran unha memoria e toman parte en diferentes actividades de difusión. Con esta novena edición de Vacacións con Traballo, que contou con sete candidaturas doutros tantos consistorios, serán 30 as empregadas e empregados municipais e provinciais que viviron esta experiencia. Os vídeos nos que boa parte delas e deles expoñen as súas reflexións están dispoñibles na canle do Fondo Galego en Youtube.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información