Persoal dos Concellos de Ourense e Castrelo de Miño cooperou en Nicaragua e Cabo Verde

Persoal dos Concellos de Ourense e Castrelo de Miño cooperou en Nicaragua e Cabo Verde

Persoal dos Concellos de Ourense e Castrelo de Miño cooperou en Nicaragua e Cabo Verde 1199 825 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Unha empregada do Concello de Ourense e mais un traballador do Concello de Castrelo de Miño colaboraron arredor dun mes con senllos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Cabo Verde e Nicaragua, respectivamente. Alí puideron intercambiar coñecementos grazas ao programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, destinado ao persoal das Administracións locais e provinciais socias do Fondo Galego.

Cristina Moreiras, técnica da Concellería de Medio Ambiente de Ourense, cooperou no arquipélago africano co departamento homólogo da Cámara Municipal do Paúl. O seu labor foi sobre todo de apoio a dúas campañas, unha para a sensibilización ambiental da mocidade e outra para fomentar a compostaxe caseira. A causa das chuvias torrenciais, acabou colaborando tamén na valoración dos danos provocados na rede de augas. “A experiencia foi incrible e o trato exquisito, tanto no traballo como fóra del”, comenta a funcionaria.

Diego Sánchez, á dereita, nunha saída de campo con persoal técnico do INPRHU."

Diego Sánchez, técnico de Turismo no Concello de Castrelo de Miño, colaborou co Instituto de Promoción Humana (INPRHU), no municipio nicaraguano de Totogalpa. Alí achegou o seu asesoramento para mellorar algunhas accións do plan de desenvolvemento turístico. Participou na indicación de rutas de sendeirismo, análise de enquisas e inventarios, xuntanzas de sensibilización, etc. “Estase a realizar un bo traballo sobre un plan que está moi ben elaborado, polo que se se conseguen superar algúns atrancos Totogalpa pode converterse nun destino de turismo comunitario rural”, explica Diego Sánchez.

Outro técnico e unha arquitecta da Deputación de Pontevedra participaron tamén este ano no programa Vacacións con Traballo. Ambos os dous viaxaron a Cabo Verde. Trátase de Joaquín Lede, que estivo na Cámara de Porto Novo e de María José Pérez, que colaborou coa Cámara do Paúl. Algúns deles xa relataron as súas vivencias a través do blog dispoñible en www.fondogalego.org e axiña se editará unha publicación coas experiencias dos catro. Poténciase así a dimensión sensibilizadora do programa Vacacións con Traballo para concienciar sobre a realidade dos países empobrecidos. Á vez, mellórase a visibilidade e transparencia dos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que alí se cofinancian.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información