Persoal dos concellos de Lugo e Tomiño apoia o proceso de descentralización en Guinea-Bissau

Persoal dos concellos de Lugo e Tomiño apoia o proceso de descentralización en Guinea-Bissau

Persoal dos concellos de Lugo e Tomiño apoia o proceso de descentralización en Guinea-Bissau 1920 1280 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Persoal técnico dos concellos de Lugo e Tomiño desprazaranse nas próximas semanas a Guinea-Bissau para colaborar na descentralización administrativa da Rexión de Cacheu a través do programa Especialistas en Cooperar, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Intercambiarán experiencias sobre o terreo para mellorar a recadación de impostos e taxas locais.

O labor de Teresa Vila, técnica de fondos europeos do Concello de Lugo, e de Xoán Amós, axente de desenvolvemento local no Concello de Tomiño, será compartir coñecementos en materia de finanzas municipais para elaborar unha primeira diagnose das eivas que presenta o sistema de recadación en Guinea-Bissau. O país lusófono non conta polo de agora con municipios formalmente constituídos, senón que as rexións se estruturan en diversos sectores administrativos que precisan fotalecer a súa capacidade de xestión para, deste xeito, promover unha gobernanza democrática e transparente.

Neste senso, os especialistas galegos reuniranse con persoal tanto do Goberno Rexional como dos sectores de Cacheu, Canchungo, Bula e Bigene/Ingoré para identificar as carencias e mais as vías para subsanalas, propoñendo de maneira conxunta ferramentas alternativas que melloren a recadación para que esta redunde, á súa vez, no benestar da poboación a través das políticas e os servizos públicos. Por outra parte, aproveitarán para supervisar os proxectos de cooperación internacional impulsados polo Fondo Galego en Guinea-Bissau en materia de abastecemento de auga e educación da infancia.

“A nosa presenza contribuirá a concienciar sobre a importancia de certas accións para favorecer o desenvolvemento local e a reforzar as capacidades do funcionariado para levalas a cabo”, comenta Teresa Vila, que ve ademais esta experiencia como unha “aprendizaxe vital”. Para Xoán Amós, participar no programa Especialistas en Cooperar supón “poñerse a disposición da poboación local para axudarlles a acadar os seus obxectivos”, neste caso, “incrementar os ingresos públicos para reinvestilos en servizos para a sociedade”, e subliña o feito de “involucrarse en proxectos que teñen realmente un impacto positivo e eficaz”.

Unha ducia de traballadoras e traballadores de nove concellos galegos presentaron a súa candidatura para participar na terceira edición de Especialistas en Cooperar, que se desenvolve en Guinea-Bissau e Cabo Verde. Alén da formación e a experiencia, valorábase a vinculación co eido da cooperación e do desenvolvemento sostible. A iniciativa conta co financiamento da Agencia Española de Cooperación Internacional al Desarrollo (AECID), a través da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, no marco dun programa máis amplo a catro anos encamiñado a fortalecer as capacidades locais nestes países.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información