O curso enmárcase nas accións formativas propostas pola Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade dentro do Plan de Traballo 2010-2011. O xeito de chegar con eficacia ao público obxectivo, interiorizar o panorama mediático actual ou as claves do traballo cos distintos medios foron algunhas das cuestións abordadas na sesión matinal. O xornalista Héctor Oliva, con varios anos de experiencia en entidades coma Intermón Oxfam, encargouse de impartir esta primeira parte da formación.
Virgínia Mascaró, redactora durante dúas décadas do diario Avui e na actualidade consultora da axencia Qiduo, especializada en ‘social media’, centrouse na comunicación online. A xornalista apuntou a importancia de Facebook, Twitter ou os blogs, entre outras ferramentas, para crear a “identidade dixital” de cada Fondo e dar a coñecer o seu labor. Ao longo de toda a xornada, expuxéronse exemplos de casos prácticos e, ao remate, os responsables de comunicación dos distintos Fondos compartiron tamén as súas experiencias.
A Confederación de Fondos
A Confederación de Fondos de Cooperación e Solidariedade é un marco de coordinación e de representación conxunta de distintos fondos de cooperación existentes no Estado español. Na actualidade, está integrada polo Fons Català de Cooperació al Desenvolupament, Euskal Fondoa–Asociación de Entidadaes Locales Vascas Cooperantes, Fons Valencià per la Solidaritat, Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional (FAMSI), Fondo Extremeño Local de Cooperación al Desarrollo (FELCODE) e o Fondo Canario de Solidaridad Internacional y Cooperación al Desarrollo. Ademais do Fondo Castellano-Manchego de Cooperación e o Fondo Cantabria Coopera, como entidades colaboradoras.