Dous técnicos e unha técnica dos concellos de Redondela, Lousame e A Coruña desprazaranse antes de finais de ano a Mozambique e Cabo Verde para colaborar durante un mes cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que as tres administracións locais son socias. Os voluntarios e a voluntaria asistiron esta mañá en Pontevedra a unha xornada formativa, co fin de preparar a súa participación no programa Vacacións con Traballo, que cofinancia a Xunta de Galicia.
En setembro viaxará a Cabo Verde Lola Pardo, técnica de desenvolvemento local do Concello da Coruña que vai asesorar á Cámara Municipal de Santa Cruz na implementación do seu Plan Estratéxico de Desenvolvemento Económico, mesmo formando a axentes locais. “Espero achegar, e recibir tamén, experiencia e coñecemento, pois é un camiño de dobre sentido que agardo teña continuidade despois da estadía”, comenta a voluntaria.
As outras dúas viaxes produciranse en novembro. Será entón cando Néstor Romero, técnico de deportes en Lousame, colabore coa vila mozambicana de Nhamayábue, intercambiando experiencias co seu homólogo no municipio e participando na organización dun campionato de fútbol do distrito. A súa intención é “impulsar o fomento do deporte neste concello rural e apoiar en todo o que estea na miña man”, sostén. Neste senso, aproveitará para supervisar o proxecto de abastecemento de auga que o Fondo Galego financia na zona e que se atopa en proceso de reparación tras verse afectado polas fortes chuvias deste ano.
Ao país lusófono desprazarase tamén Jesús Bravo, técnico medioambiental do Concello de Redondela, para cooperar durante un mes coa Fundação Encontro combatendo unha problemática crecente como é a acumulación de lixo. O seu cometido pasa por “asesorar en materia de reciclaxe dos residuos e concienciación ambiental, sempre cunha perspectiva de solidariedade e compromiso”, apunta. Entre as súas tarefas estará orientar na planificación dalgunha proposta que presentarlle ao Concello de Boane e formar ao grupo de activistas Khumbuka, que logo se encargan de dinamizar ás comunidades.
Con esta decimocuarta edición, serán un total de 47 as empregadas e empregados da administración local que teñan participado nas Vacacións con Traballo. O obxectivo do programa é achegar unha cooperación técnica sobre o terreo, pero tamén visibilizar a realidade do Sur e sensibilizar fronte as desigualdades. Con este fin, o voluntariado enviará periodicamente publicacións para as redes sociais e tamén se editará un caderno dixital.