Tres técnicas e un técnico dos concellos de Boiro, Poio, Rianxo e Lousame desprazaranse no mes de outubro a Mozambique para colaborar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que as catro administracións locais son socias, a través do programa Especialistas en Cooperar. Trátase da primeira edición desta iniciativa de cooperación técnica, que se fai pública coincidindo coa conmemoración do Día das Persoas Cooperantes.
As tarefas de Marga Sampedro, traballadora da área de Igualdade do Concello de Boiro, e de Ana Piñeiro, arquitecta municipal de Rianxo, van estar vinculadas ao proxecto de construción de catro vivendas resilientes ao cambio climático destinadas a persoas afectadas polos ciclóns, financiado no último ano pola Xunta de Galicia e o Fondo Galego no municipio de Boane. Ademais de propoñer un plan de xeración de ingresos para as mulleres que alí van residir, Marga Sampedro colaborará coa Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos para que incorporen a perspectiva de xénero na acción local. “Agardo achegar os meus coñecementos nesta experiencia de convivencia e aprendizaxe, participando en iniciativas transformadoras no eido da igualdade de oportunidades e da non discriminación”, explica a técnica boirense.
Ambas as dúas traballadoras municipais participarán asemade nunha xornada de formación a persoal dos concellos da provincia de Maputo, amais de visitar varios deles para asesorar en materia de xénero e mais arquitectura e urbanismo. Segundo Ana Piñeiro, “cómpre artellar unha serie de capacidades que permitan anticiparse, superar e recuperarse dos desastres naturais”. “Sei que acabarei recibindo máis do que achego, pero espero que poidan tirar proveito da miña estadía”, engade a arquitecta, para quen “vivimos nun planeta no que xa non hai compartimentos estancos, unha acción que se leva a cabo nun lugar repercute en todos”.
“A ilusión de coñecer e aprender da realidade das mulleres de Mozambique e traballar cunha organización con moitos anos de experiencia alá” é tamén o que move a Raquel Morales. A directora do CIM de Poio vai apoiar á especialista en igualdade da Fundação Encontro na diagnose de xénero nos centros infantís de cinco comunidades rurais de Boane, así coma no deseño e realización de actividades coeducativas. “Aportarei a miña experiencia profesional sobre igualdade e prevención da violencia”, comenta a técnica de Poio. Búscase así darlle pulo a novas actuacións que favorezan a equidade de xénero, como o recente proxecto a prol do dereito á educación e a saúde apoiado polo Fondo Galego e o Concello de Cambre.
Néstor Romero, pola súa banda, vai realizar a estadía que lle quedou pendente en 2019, cando a inestabilidade desaconsellaba viaxar ao municipio de Nhamayábue. Agora, o técnico de deportes de Lousame poderá cumprir o obxectivo de “colaborar no deseño da programación municipal deportiva e tamén na formación de 23 adestradores de fútbol”, segundo el mesmo indica. “Todas as viaxes nos enriquecen, pero teño a sensación de que esta vivencia pode marcar un antes e un despois”, conclúe. Ademais, aproveitará para supervisar o proxecto de abastecemento de auga que o Fondo Galego promoveu na zona.
Cooperación técnica
A cooperación técnica é unha das ferramentas máis potentes e distintivas da cooperación internacional ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais, pois supón aproveitar o know how dos municipios para reforzar as capacidades das administracións públicas e asociacións das sociedades máis desfavorecidas, facilitando respostas profesionais e formación adecuada ás súas necesidades. Ese é precisamente o principal obxectivo de Especialistas en Cooperar, que tamén favorece o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países que o Fondo Galego está a apoiar.
Especialistas en Cooperar toma o relevo do anterior programa de voluntariado internacional para persoal municipal, Vacacións con Traballo, que ao longo de catorce edicións enviou a un total de 46 empregadas e empregados da administración local a colaborar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido. A reconfigración do programa, tras dous anos suspendido por mor da pandemia, busca agora potenciar a súa dimensión de cooperación técnica no marco da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.