O Fondo Galego de Cooperación celebra mañá xoves en Santiago de Compostela unha nova xuntanza da Rede Municipalista Solidaria, coincidindo co Día Internacional da Solidariedade Humana. Á cita está chamado o persoal técnico delegado da entidade nos 92 Concellos e as dúas Deputacións socias, mais tamén foron convidados os representantes políticos. A reunión servirá para avaliar a intensa actividade realizada ao longo do ano que remata, no que se conmemorou o 15º aniversario do Fondo Galego, e debater as ideas de traballo para 2013.
No encontro, que terá lugar ás 12.30 horas na sede da Federación Galega de Municipios e Provincias, exporanse os avances nos proxectos de cooperación ao desenvolvemento que o Fondo está a apoiar en Nicaragua, Honduras, Cuba e India. Ao tempo, debateranse as actividades de sensibilización que se ofertarán durante o novo ano, xa que é precisamente o persoal das Administracións socias quen se encarga de implementalas. Estas propostas abranguen desde exposicións e ciclos de cine ata contacontos e obradoiros de radio.
As xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria coa Secretaría do Fondo Galego de Cooperación celébranse cada seis meses co obxectivo de render contas e favorecer un contacto directo que garanta correcto funcionamento da asociación. O intercambio de ideas e opinións que se xera permite unha boa circulación da información, a comunicación e a transparencia, imprescindibles para realizar un traballo eficaz.