Dúas reporteiras e un reporteiro dunha emisora comunitaria de El Salvador deron a coñecer este luns en centros educativos de Redondela e Pontevedra o proxecto financiado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que ambos os dous concellos forman parte, á Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso). A través desta iniciativa trabállase con alumnado da rexión salvadoreña do Bajo Lempa e cos comités de protección civil para previr e reducir a vulnerabilidade perante o risco de inundacións nos municipios de Tecoluca e Zacatecoluca, amplificando os resultados das formacións e a capacidade de reacción da poboación a través de Radio Tehuacán.
Yasmin Pineda, directora da emisora, xunto con José Manuel Rodríguez, encargado de programación, e Iris Mijango, unha das voluntarias máis activas, conversaron con alumnado do 1º curso de Secundaria no IES Mendiño de Redondela, concello que exerce a Presidencia do Fondo Galego. Logo desprazáronse a Pontevedra para intervir no IES Frei Martín Sarmiento, diante de 120 estudantes de 3º e 4º da ESO.