Tres empregadas e empregados da administración local e autonómica que exerzan o seu labor en municipios socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pasarán un mes colaborando cos parceiros da entidade en Mozambique e Cabo Verde a través das Vacacións con Traballo. A concelleira de Políticas Sociais e Diversidade, Concha Fernández, presentou esta mañá a XIV edición do programa de voluntariado internacional canda a secretaria do Fondo Galego e mais unha traballadora municipal e outro provincial que participaron o ano pasado na experiencia.
A edil compostelá explicou que Vacacións con Traballo é un programa de cooperación técnica e de sensibilización impulsado polas deputacións e concellos socios do Fondo Galego que “supón un intercambio de experiencias e coñecementos” e resaltou a importancia de que “os municipios se impliquen no desenvolvemento das zonas máis desfavorecidas”. Pola súa banda, a técnica de Turismo de Santiago que o ano pasado apoiou ao concello caboverdiano de Santa Cruz, Yolanda Ferro, lembrouna como “unha vivencia fantástica no persoal e no profesional, que resulta formativa porque volves cunha mirada renovada que logo aplicas sobre a túa realidade”. Tamén Manuel Fuentes, informático da Deputación da Coruña que colaborou coa Fundação Encontro en Mozambique, coincidiu en que se trata dunha “experiencia totalmente recomendable, que che fai ver a vida doutro xeito”.
Desde a Secretaría Técnica do Fondo Galego, Andrea García, explicou que as e os participantes nas Vacacións con Traballo achegan asesoramento técnico nos países empobrecidos “en pé de igualdade cos parceiros en terreo” e incidiu na bidireccionalidade do programa, que ao tempo “axuda a comprender o contexto e a realidade doutros lugares”. Entre as últimas novidades, destaca a posibilidade de que concorra persoal da Xunta de Galicia, que cofinancia a iniciativa, así como de solicitar unha licenza laboral específica para a estadía.
Ata o 26 de maio permanece aberto o prazo para presentar candidaturas, con tres perfís prioritarios. En Mozambique, a Fundação Encontro precisa dunha técnica/o ambiental con experiencia en reciclaxe, mentres que os municipios de Boane e Manhiça buscan unha persoa experta en finanzas municipais. En caso de non cubrir estas prazas, os perfís secundarios serían os de educador/a infantil e técnica/o de Deportes, respectivamente. A vila caboverdiana de Santa Cruz, pola súa parte, require unha técnica/o de Desenvolvemento Local, sendo a opción secundaria neste caso a dunha técnica/o agrónoma/o.
As candidaturas presentaranse enviando a ficha de solicitude ao enderezo electrónico comunicacion@fondogalego.org, canda o currículo, unha carta de motivación, e mais un escrito de apoio ou consentimento asinado pola/o representante política/o do Fondo Galego no correspondente concello ou deputación, e do órgano directivo competente no caso da Xunta ou das mancomunidades. Alén da formación e a experiencia, valorarase a vinculación co eido da cooperación e mais o dominio do galego e do portugués.
O programa cubre os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención da viaxe. Co fin de visibilizar a realidade do Sur e sensibilizar fronte as desigualdades, o voluntariado enviará publicacións para as redes sociais e tamén se editará un caderno dixital. Un total de 44 empregadas e empregados da administración local participaron desde 2006 nas Vacacións con Traballo.