‘People & Planet’ dálles voz ás preocupacións da mocidade arredor do cambio climático

‘People & Planet’ dálles voz ás preocupacións da mocidade arredor do cambio climático

‘People & Planet’ dálles voz ás preocupacións da mocidade arredor do cambio climático 1080 1080 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de lanzar unha enquisa para indagar nas preocupacións da xente nova arredor da emerxencia climática. Mozas e mozos de entre 15 e 34 anos están chamados cubrir o cuestionario, dispoñible na ligazón http://bit.ly/EnquisaGal. A sondaxe desenvólvese simultaneamente nos oito estados membros da Unión Europea que participan no proxecto ‘People and Planet’.

Os resultados permitirán coñecer mellor as inquedanzas da mocidade en relación coa crise climática, a escaseza de auga ou os novos hábitos sostibles, a fin de darlles voz para que os poderes públicos as teñan en conta. Segundo un Eurobarómetro dirixido á xente nova, o 67% das mozas e mozos enquisados identificaron a loita contra o cambio climático e a protección do medio como a prioridade máis urxente na UE. No entanto, o último Eurobarómetro Estándar sitúa estas temáticas como a cuarta preocupación da cidadanía en xeral.

É necesario, por tanto, comprender por que a mocidade percibe a emerxencia climática como unha das maiores ameazas para o seu futuro, entendendo as súas preocupacións e incertidumes e acollendo as súas propostas e solucións. Cómpre ter en conta que, de acordo cun recente estudo, 2020 foi o ano coas temperaturas máis elevadas desde que se teñen rexistros e que tanto a concentración de gases con efecto invernadoiro como o nivel do mar seguen subindo. Ademais, a escaseza de auga afecta a máis do 40% da poboación global.

#PeopleAndPlanet

O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ ten como obxectivo concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2021 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Búscase así contribuír a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU, en especial ao ODS 13: adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información