Péchase a campaña do Fondo Galego a prol da cooperación municipalista coa participación de 50 personalidades

Péchase a campaña do Fondo Galego a prol da cooperación municipalista coa participación de 50 personalidades

Péchase a campaña do Fondo Galego a prol da cooperación municipalista coa participación de 50 personalidades 728 668 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

50 destacados persoeiros e persoeiras de Galicia e representantes do eido local sumáronse á ‘Campaña a prol da solidariedade internacional desde o local’ impulsada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A iniciativa que agora se pecha botou a andar en Facebook a mediados de xaneiro e colleitou máis dun cento de seguidores.

Entre as personalidades que avogaron pola cooperación municipalista áchanse escritores e escritoras como Fran Alonso e Yolanda Castaño, intelectuais como Ramón Lugrís e Xulián Maure ou xentes da política como Camilo Nogueira, Xosé Luís Rodríguez Pardo e Xesús Palmou. Tamén cantantes, xuíces, empresarios, xornalistas, pintores, actrices, avogados e historiadores, entre outros. Ao seu carón, opinan representantes de colectivos locais de comerciantes, mulleres, mocidade, ecoloxistas, culturais, etc. de toda Galicia.

Todas e todos eles debían responder a tres preguntas: Cre que a cidadanía é contraria á solidariedade internacional? Coida que Concellos e Deputacións deben implicarse na loita polo desenvolvemento e a erradicación da pobreza no mundo? Considera que a crise xustifica a supresión e/ou redución do compromiso manifestado ata hoxe coa cooperación internacional? As respostas non só se difundiron a través das redes sociais, senón tamén en seccións semanais específicas de RadioFusión e das edicións impresa e dixital de Xornal de Galicia, ademais de no blog creado por este medio.

As opinións coincidiron en amosar o apoio social á cooperación internacional, apostar polo compromiso das administracións locais e provinciais neste eido e rexeitar a crise económica como escusa para reducir as achegas: “A nosa memoria colectiva non nos deixa esquecer aos que onte recibiron aos nosos na procura dunha vida mellor, e a expresión desa gratitude debe ser a solidariedade cos que hoxe a necesiten para acadar un futuro máis próspero, no que a ninguén lle falte o básico para levar unha vida digna”. “Hai una crecente conciencia, en xeral en toda a sociedade e en particular entre os máis novos, da necesidade de colaborar con aqueles países que padecen a pobreza ou sofren réximes que limitan os dereitos humanos, e  tamén da urxencia dunha nova orde internacional baseada na xustiza social e na paz que supere as formas de dependencia e as brutais consecuencias do neoliberalismo”. “A cooperación descentralizada implica que todos os niveis do goberno, sobre todo aqueles máis próximos á cidadanía, teñen moito que facer”. “Os Concellos e as Deputacións, como representación da cidadanía, deberían implicarse na loita polo desenvolvemento e na erradicación da pobreza, que son temas de grande preocupación social”. “As exiguas porcentaxes de orzamento público que se dedican a estas cuestións non deberan ser reducidas”. “Non se trata de loitar por restablecer os equilibrios só cando hai fartura, senón de ter para con esta actitude un compromiso serio, sólido e prioritario”. “En tempos de crise é cando se fai máis necesario un esforzo en cooperación”.

Iniciativas en ano electoral

Esta ‘Campaña a prol da solidariedade internacional desde o local’ encádrase nunha serie de iniciativas que está a levar a cabo o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no contexto do presente ano electoral. O conxunto de accións emprendidas frutificaron na consecución do compromiso das tres grandes forzas políticas en Galicia (PpdeG, PSdeG-PSOE e BNG) para incorporar nos seus programas-marco a pertinencia da cooperación internacional ao desenvolvemento realizada polas entidades locais e o recoñecemento do Fondo Galego como vehículo privilexiado para canalizar esa solidariedade.

Cómpre sinalar que as entidades locais están chamadas polas autoridades internacionais, españolas e galegas a dedicar o 0,7% dos seus orzamentos á cooperación internacional. As galegas dedican por volta do 0,05%, 14 veces por debaixo do mínimo esixido. Por outra banda, a poboación galega representa case o 7% da poboación do Estado. No entanto, segundo un estudo recentemente publicado pola FEMP, as achegas das entidades locais galegas á cooperación internacional representan o 1% do total achegado polas entidades locais de todo o Estado. Isto significa que estamos sete veces por debaixo da media estatal, mentres que dificilmente se podería soster que a poboación galega é sete veces menos solidaria que a do resto do Estado.

Preme aquí para acceder á campaña en Facebook

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información