Os principais países de fala portuguesa estarán no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía

Os principais países de fala portuguesa estarán no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía

Os principais países de fala portuguesa estarán no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía 849 1200 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Representantes de Portugal, Brasil, Guinea-Bissau, Angola, Mozambique, Cabo Verde ou São Tomé e Príncipe participarán os días 12 e 13 de novembro no Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía: os municipios, pezas clave do desenvolvemento. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza estas xornadas co obxectivo de achegar a realidade dos países de fala portuguesa ás autoridades locais galegas e, ao tempo, reflexionar sobre as relevantes achegas dos gobernos municipais á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU. O encontro celebrarase na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago de Compostela, co apoio da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse no correo comunicacion@fondogalego.org.

O Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía abrirase ás 10 horas cun discurso da alcaldesa de Boane, María Cupane, como voceira da Rede Mozambicana de Mulleres Autarcas, e coa inauguración oficial, na que participará a Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa (UCCLA). O primeiro debate da xornada xirará arredor da implementación dos ODS no eido local e contará con membros das asociacións de municipios de distintos países. Representantes de concellos galegos como San Sadurniño e As Pontes estarán na mesa de boas prácticas a partir das 15.30 horas.

A segunda xornada do encontro dará a coñecer a partir das 9.30 horas as experiencias da cooperación galega con países de lingua oficial portuguesa, coa intervención entre outras de entidades como a Coordinadora Galega de ONGD, CETMAR, CEIDA ou Cooperación Galega. Na seguinte sesión as alianzas entre o municipalismo da comunidade lusófona exemplificaranse con casos actuais coma os do Concello de Ames, a Unión de Cidades Capitais de Lingua Portuguesa ou a Rede Intermunicipal de Cooperação ao Desenvolvimento, de Portugal. O encontro pecharase cos primeiros pasos para a creación dunha Rede de autoridades locais da Lusofonía polos ODS e coa declaración ‘Solidariedade alén da lingua’.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información