Nestes días reuníronse en Nova Iorque a maior parte dos xefes de Estado e Goberno do planeta, a fin de dar un novo pulo aos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio, establecidos na Declaración do Milenio do ano 2000 e que deberan ser atinxidos para o 2015. A falta de 5 anos para a finalización do período, no relatorio A Parcería Mundial para o Desenvolvemento nun Momento Crítico, tornado público en vésperas do encontro de máximo nivel, a ONU advirte de “défices graves”, de modo que a cousa non pinta ben.
A escaseza dos recursos dedicados á cooperación internacional por parte das institucións do norte debe constituír un motivo de verdadeira vergoña para todas e todos nós. O máis que modesto obxectivo do 0,7% do PIB está aínda moi lonxe de ser atinxido. Hai quen pensa que debido á crise económica a axuda debe ser diminuída, pero isto non é razoable nin xusto: dun lado porque os problemas económicos non nos están a afectar a tod@s coa mesma intensidade e doutro porque, se temos menos, o 0,7% tamén vai representar menos. O esforzo proporcional que se nos pide é o mesmo, e é ben pequeno.
Outro grande problema da cooperación internacional reside en determinadas malas prácticas, nomeadamente desenvolvidas polos Estados, que en demasiadas ocasións antepoñen intereses político-económicos propios ou, directamente, invisten no subdesenvolvemento. Pénsese na axuda ligada, que obriga os países do Sur a comprar produtos nos Estados “doadores”, ou os envíos masivos de produtos acabados, que minan a posibilidade dun desenvolvemento económico endóxeno. Ademais, no aproveitamento das axudas han de xogar un papel fundamental as institucións, como lideradoras dos procesos de desenvolvemento, para o que moitas veces non están preparadas. Neste sentido, as institucións descentralizadas son esenciais, por estaren máis próximas da cidadanía, das súas necesidades.
Aí é onde aparece a cooperación chamada municipalista, que en Galicia corresponde impulsar a Concellos, Mancomunidades e Deputacións, como peza chave do sector cooperante internacional. Unha cooperación que cada vez máis ha de centrarse de modo exclusivo no fortalecemento das institucións municipalistas do Sur, aproveitando a máis valía que nese campo poden achegar as nosas entidades locais. Son as mellor colocadas para desenvolver ese tipo de cooperación e, por tanto, deben desenvolvela.
Galicia conta desde 1997 cun Fondo de cooperación internacional, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, no que están asociadas todas as entidades locais galegas que desenvolven cooperación; 96 Concellos e as 4 Deputacións, na actualidade. Trátase dun instrumento aínda moi pouco coñecido a nivel internacional, de verdadeira vangarda no que se refire a cooperación municipalista, e que xa conta con certa tradición no ámbito no Estado español. O Fondo Galego participará, de feito, os próximos tres anos nun programa europeo a través do que levará a súa experiencia ás cooperacións municipalistas portuguesa e alemá.
A cooperación municipalista galega ten diversos desafíos chave por diante. En primeiro lugar, continúa a haber un compromiso extraordinariamente limitado coa cooperación no ámbito local. Neste sentido, Galicia está moi por detrás da maioría das demais Comunidades Autónomas, nomeadamente daquelas que contan con Fondo propio. Doutro lado, continúase a infrautilizar o Fondo Galego de Cooperación como ferramenta aglutinadora e especializada para a cooperación desde as entidades locais galegas, habendo entidades socias que manteñen un traballo en cooperación paralelo ao do Fondo Galego. Isto é especialmente grave se temos en conta que estes socios son habitualmente urbes que no ano 2000 asinaron a Declaración das Cidades, comprometéndose a facer todo o contrario.
Finalmente, a asunción de competencias impropias por parte dos Concellos é unha realidade incontestable, que mina as súas capacidades orzamentarias e que xustifica que as Administracións beneficiadas, autonómica e central, complementen de modo decidido os esforzos municipais. E isto non está a ocorrer: a nivel estatal existe un programa Municipia, impulsado polos Fondos e que pretendía premiar este modelo de concertación da cooperación localista, pero que non acaba de ser unha ferramenta útil; no plano autonómico, o nivel de apoio da Xunta de Galicia ao Fondo Galego baixou a menos da metade en relación aos últimos anos.
Artigo de opinión do presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Alfredo Novoa,
publicado no Xornal de Galicia o 24/09/10 baixo o título ‘Cooperación internacional das entidades locais’