Os grupos parlamentarios animarán ás candidaturas locais a impulsar a cooperación

Os grupos parlamentarios animarán ás candidaturas locais a impulsar a cooperación

Os grupos parlamentarios animarán ás candidaturas locais a impulsar a cooperación 1196 724 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Representantes de todos os grupos parlamentarios participaron esta mañá no Almorzo Xusto organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no Pazo do Hórreo, onde se comprometeron a alentar ás candidaturas municipais dos seus partidos a incorporar nos programas electorais a adhesión dos concellos a esta rede e a promover a cooperación internacional desde o local. Os grupos estudarán ademais a posibilidade de realizar unha declaración institucional ao respecto no Parlamento de Galicia, a proposta do deputado do PPdeG Alberto Pazos Couñago.

O parlamentario expuxo ademais que a creación do Fondo Galego en 1997 “supuxo un salto da caridade á cooperación real” e que hoxe en día constitúe “unha ferramenta fundamental”. O voceiro do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, apostou pola súa parte por “facer un maior esforzo de accountability” para que o labor realizado a prol do desenvolvemento dos países empobrecidos chegue á cidadanía, unha visibilización pola que tamén avogou a representante de En Marea, Paula Quinteiro, para quen “hai que socializar o impacto e o enfoque” do traballo que se está a levar a cabo. Ao tempo, o deputado do BNG Luís Bará engadiu a necesidade de coordinarse e “reflexionar sobre o tipo de cooperación e de relacións que se establecen”, descartando o paternalismo.

O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, abriu a xuntanza salientando que a incorporación dos concellos a esta entidade lles “dá a oportunidade de participar na cooperación para o desenvolvemento, establecendo relacións de aprendizaxe mutua” cos países do Sur. Unha idea na que afondou o vogal da Comisión Executiva e concelleiro en Cartelle, Daniel Fernández, que sinalou a vantaxe que supón para os concellos pequenos, ao realizar “unha pequena achega que sobre o terreo significa moito“.

A tamén vogal e vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, lembrou “a importancia da sensibilización fronte as desigualdades” que fan os concellos a través das actividades facilitadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, como administracións máis próximas á cidadanía. Mentres que a vogal e edil na Coruña, Rocío Fraga, remarcou o valor da asociación municipalista cmo “espazo de traballo conxunto das distintas forzas para acadar un obxectivo común”. Por último, a vicepresidenta e concelleira en Redondela, Teresa París, referiuse ao actual marco normativo, apostando por flexibilizalo para que non se poñan trabas ás políticas públicas municipais de cooperación internacional. O almorzo servido foi a base de produtos de comercio xusto da ONGD Panxea.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información