Representantes de oito concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participan no 3º Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional que se clausura este serán na localidade valenciana de Gandia. O presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González, participou onte na inauguración do evento, como vicepresidente da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, canda a secretaria de Estado de Cooperación Internacional, Eva Granados.
A delegación galega está integrada tamén pola alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida, o rexedor de Cuntis, Manuel Campos, e o alcalde das Neves, José Manuel Alfonso, xunto con Raúl Treus, Daniel Fernández, Olga López e María Sanluis, edís de Boiro, Cartelle, Lugo e Moaña, respectivamente. Canda elas e eles, máis de 250 representantes políticos e técnicos municipais de todo o Estado están a debater sobre o papel chave das administracións locais na solidariedade internacional e os desafíos que enfrontan.
Deste xeito, o programa do 3º Encontro Estatal de Gobernos Locais e Cooperación Internacional estrutúrase en cinco plenarias que abordan a cooperación multinivel, os retos do actual contexto internacional, a achega do municipalismo á axuda oficial ao desenvolvemento, o impacto do novo Real Decreto de subvencións e a cooperación feminista. Na sesión inaugural de onte á tarde, a secretaria de Estado apuntou que “o contexto internacional pon en cuestión o valor da cooperación internacional, polo que é máis necesario ca nunca explicar o valor da solidariedade global e reivindicar a cooperación ao desenvolvemento”.
Pola súa banda, o presidente do Fondo Galego destacou que estas xornadas constitúen “un punto de encontro para todas aquelas persoas e institucións que cremos firmemente no poder transformador da cooperación internacional desde o local”. “A construción dun mundo máis xusto comeza tamén desde os municipios”, engadiu, e animou a seguir “tecendo alianzas, erguendo pontes, alzando a voz por quen vén vulnerados os seus dereitos e abrindo camiños cara un mundo en que ningún territorio nin ningunha persoa queden atrás”. A apertura completouse coas intervencións do Fons Valencià per la Solidaritat, Generalitat Valenciana, FEMP e do alcalde de Gandia.