Oímbra é un dos Concellos que a comezos deste ano deu exemplo de solidariedade ao realizar a súa doazón á conta de emerxencia aberta polo Fondo Galego de Cooperación tras o terremoto de Haití. O veterano alcalde da vila, Alfonso Villarino, recibiu este mediodía na Casa Consistorial unha delegación do Fondo Galego e do Fons Catalá, que informou a varios integrantes do equipo de Goberno sobre a marcha do proxecto en terreo.
A iniciativa do rexedor, todos os membros da Corporación Municipal acordaran no seu día ceder para a causa o importe bruto das asignacións que lles correspondían por unha das sesións plenarias que celebran cada dous meses. En total, 1.097 euros que se sumaron ás achegas doutras entidades locais e cidadáns particulares ata sumar un total de 171.192 euros. Pese a tratarse dun municipio de pouco máis de 2.000 habitantes e cunha poboación envellecida, que tamén se reflicte no Pleno da Corporación, este Concello do interior ourensán apostou por contribuír co seu gran de area ao desenvolvemento do país centroamericano.
As e os representantes de ambos os dous Fondos tamén visitaron durante a mañá o Concello de Allariz, que ingresou 2.000 euros na conta de emerxencia. A técnica que vén de supervisar o proxecto conxunto en Haití, Victòria Planas, foi recibida no Fogar do Maior pola concelleira Pilar Gallego, integrante da Comisión Executiva do Fondo Galego, e por un grupo de persoas maiores que se amosaron moi interesadas polos avances na iniciativa. Tamén o alcalde, Francisco García, ofreceu unha recepción institucional á comitiva, que aínda tivo oportunidade de coñecer o casco histórico, declarado Conxunto Histórico Artístico.
A xornada rematou no Concello de Redondela, que doou outros 2.000 euros tras o terremoto. A concelleira redondelá e presidenta do Fondo Galego, Teresa París, e mais o alcalde, Javier Bas, fixéronlle entrega ás técnicas catalás dun agasallo en lembranza do seu paso pola vila. A continuación, Victòria Planas impartiu unha conferencia no multiusos de Chapela.
A responsable de proxectos de Centroamérica, México e Caribe no Fons Català xa dera onte outra charla no Concello de Cambre, onde tamén se lle ofreceu unha recepción institucional. O municipio contribuíra con 32.647 euros á conta de emerxencia para a recuperación de Haití. O percorrido polas entidades socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pecharase mañá venres no Concello de Vigo, que achegou ao proxecto 23.000 euros e ten comprometidos outros 54.000 euros.