O secretario do Fondo Galego afonda na cooperación internacional municipal na charla #Alén2015 de abril

O secretario do Fondo Galego afonda na cooperación internacional municipal na charla #Alén2015 de abril

O secretario do Fondo Galego afonda na cooperación internacional municipal na charla #Alén2015 de abril 1199 1050 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O secretario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Daniel González Palau, estará nas redes sociais da propia entidade para afondar, entre outros temas, na cooperación internacional dende o municipalismo galego (cooperación descentralizada), a acción exterior de Galicia e o traballo realizado na lexislatura 2011-2015 desde o Fondo Galego, que renovará a súa Comisión Executiva en outubro, como cada catro anos tras as eleccións municipais.

A conversa online terá lugar o xoves 30 de abril, entre as 16.30 e as 18 horas, no Facebook e Twitter do Fondo Galego. O obxectivo desta convocatoria é achegarse ao labor da entidade como ferramenta da administración local galega para a cooperación internacional e á súa axenda de traballo, que ao longo dos seus 18 anos de historia se centrou na defensa e promoción dos Dereitos Humanos e o apoio ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM), que conclúen en decembro deste ano e son a base inicial da conversa dos encontros dixitais #Alén2015.

#EncontroFondo
Existen diferentes vías para poder participar no ciberencontro, tanto en directo como con carácter previo. Durante a charla, pódense facer as preguntas en “comentar”, debaixo da imaxe de Daniel G. Palau que se subirá ao muro do Facebook (facebook.com/fondogalego) do Fondo Galego ás 16.30 horas do xoves. No Twitter (@FondoGalego) pódense deixar as cuestións para Palau co hashtag #EncontroFondo.

Quen non poida participar en directo pode deixar as súas dúbidas neste formulario; no Facebook, no espazo reservado a comentarios nos post que anuncien o encontro ou nunha mensaxe privada; no Twitter, co citado hashtag, ou envialas a fondogalego@gmail.com.

As persoas que acheguen as súas cuestións a través do formulario poderán obter un exemplar da revista Tempo Exterior do Igadi, a que escollan do catálogo; e só por participar entrarán nun sorteo dun lote de libros que realizaremos o 23 de decembro, cando finalicen os encontros #Alén2015.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade fundouse en 1997 promovido polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) como unha asociación de concellos para dar calidade, coherencia e planificación estratéxica á ?cooperación? municipal galega. Na actualidade, está integrado por 85 concellos, as Deputacións de Lugo e A Coruña e conta, ademais, co apoio da Fegamp e da Xunta de Galicia.

Nos seus 18 anos de vida, leva apoiados máis de 150 proxectos en máis de 20 países a prol do dereito á auga e á vivenda, desenvolvemento rural sostible, programas para o fomento da igualdade de xénero, etc. facendo parte dos ODM, ademais de múltiples actividades de sensibilización e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Daniel González Palau
É licenciado en Ciencias Políticas pola Universidade de Santiago de Compostela (2005) e especializado en Xestión da Cooperación Internacional, na mesma facultade. Realizou prácticas de cooperación en Nicaragua, co Inprhu-Somoto, e co Fondo Galego.

No Igadi, participa dende o 2009 da liña de investigación en paradiplomacia, ao redor da figura dos irmandamentos municipais. Froito deste estudo publicouse 'Os irmandamentos en Galicia; globalización, redes e gobernos locais', texto a partir do que realizou distintos seminarios na EGAP e nas catro deputacións provinciais.

Así mesmo, colaborou na liña de investigación sobre os procesos de integración latinoamericana e a ALBA. Entre xullo de 2009 e xaneiro de 2011 foi técnico de sensibilización do Fondo Galego e dende outubro de 2011 é secretario da mesma entidade.

#Alén2015
O programa #Alén2015 púxose en marcha en 2014 a través de doce encontros dixitais de carácter mensual co obxectivo de achegarlle á cidadanía a valoración de diferentes axentes da cooperación sobre a consecución dos ODM, que conclúen este ano, promover o debate e reflexión en torno a distintas temáticas relacionadas con estas metas e darlle visibilidade ás propostas das persoas convidadas para a axenda post 2015.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información