O proxecto Causas Comúns, a prol dos Dereitos Humanos tanto en Europa como nos países do Sur, iniciará a súa segunda fase en Pontevedra coa exposición 'África, soños e mentiras', que se inaugurará o día 3 de febreiro ás 19 horas. As fotografías de Gabriel Tizón amosaranse na sala de exposicións da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais do edificio da Facultade de Belas Artes ata o 19 de marzo, de 17 a 21 horas, para despois percorrer distintos centros sociais e de ensino. A partir do verán, a mostra visitará outras administracións socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
A asociación municipalista e o Concello de Pontevedra cofinancian o proxecto Causas Comúns, que arrincaba a comezos de ano en Guinea Bissau coa xira da exposición 'Europa, realidade dun soño' por diferentes aldeas, en colaboración coa ONG Ecas-D. O obxectivo era dar a coñecer entre o pobo africano unha Europa descoñecida, chea de dificultades económicas e sociais, para visibilizar os obstáculos que se poden atopar se deciden emigrar.
Alén das correspondentes charlas de presentación, en moitos casos dirixidas a mocidade, Gabriel Tizón e a traballadora social Rocío Botana desenvolveron durante a súa estadía de tres semanas en Guinea Bissau outras actividades no marco de Causas Comúns, como formacións para fotógrafos locais cunha mirada comprometida ou obradoiros para a elaboración de proxectos dirixidos ás asociacións que buscan dar resposta ás necesidades da zona.
O obxectivo de Causas Comúns é informar e sensibilizar a través da fotografía como idioma común, tanto ao pobo galego como ao de Guinea Bissau, do cada vez máis evidente incumprimento dos Dereitos Humanos tanto en África como en Europa. A vivenda, o traballo, a comida, a xustiza… Son xa artigos de luxo, non só nos países empobrecidos.
Nenos soldado no Salón do Libro
O paso de Causas Comúns polo territorio africano permitiu tomar contacto con Momar Badiane, artista do barrio mariñeiro Yoff Tonghor, preto da capital de Senegal. A súa obra darase a coñecer no Salón do Libro, cunha selección de debuxos de denuncia e reflexión sobre a dramática situación dos nenos soldado, que afecta a milleiros de rapazas e rapaces no continente africano. A exposición amosarase no Auditorio de Pontevedra entre o 27 de febreiro e o 28 de marzo.
Vídeo sobre os debuxos de nenos soldado de Momar Badiane.
Memoria da primeira fase do proxecto en Guinea Bissau.