O programa Especialistas en Cooperar enviará a Mozambique e Cabo Verde a persoal municipal

O programa Especialistas en Cooperar enviará a Mozambique e Cabo Verde a persoal municipal

O programa Especialistas en Cooperar enviará a Mozambique e Cabo Verde a persoal municipal 2560 1920 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de lanzar o novo programa Especialistas en Cooperar, que permitirá a tres técnicas e técnicos da administración local colaborar cos municipios e asociacións parceiras da entidade en Mozambique e Cabo Verde. As estancias prolongaranse durante un máximo de trinta días e as persoas seleccionadas poderán viaxar entre xuño e novembro en réxime de voluntariado ou ben solicitando unha licenza específica ao abeiro da lexislación autonómica.

A cooperación técnica é unha das ferramentas máis potentes e distintivas da cooperación internacional ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais, pois supón aproveitar o know how dos municipios para reforzar as capacidades das administracións públicas e organizacións das sociedades máis desfavorecidas, facilitando respostas profesionais e formación adecuada ás súas necesidades. Ese é precisamente o principal obxectivo de Especialistas en Cooperar, que tamén favorece o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países que o Fondo Galego está a apoiar.

As prazas ofertadas en Mozambique son dúas. Dunha banda, a Fundação Encontro precisa dunha persoa experta en igualdade de xénero para o proxecto está a promover o dereito á educación e á saúde das nenas e nenos do rural, co financiamento do Concello de Cambre. O seu labor consistirá en realizar unha análise de xénero nos centros infantís e actividades coeducativas. Por outra parte, o municipio de Nhamayábue recibirá apoio dunha técnica ou técnico de deportes para formar xestores deportivos e organizar torneos, especialmente nas escolas, fomentando hábitos saudables ao tempo que se promoven valores como o fair play.

No caso de Cabo Verde, retómase a colaboración coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos, que solicita unha técnica ou técnico da área social para fortalecer a capacitación nos concellos co obxectivo de contribuír á construción de vilas máis saudables, baixo a perspectiva metodolóxica das Cidades Saudables que promove a Organización Mundial da Saúde. Neste senso, a persoa seleccionada deberá apoiar a formulación e implementación de políticas locais encamiñadas á planificación e xestión de accións que permitan promocionar a saúde e o benestar da cidadanía.

Empregadas e empregados das deputacións, concellos e mancomunidades de Galicia teñen ata o 24 de maio para solicitar a súa participación no programa Especialistas en Cooperar, que cubre todos os gastos derivados do desprazamento e a estadía. As candidaturas presentaranse enviando a ficha de solicitude ao enderezo electrónico info@fondogalego.gal, canda o currículo e unha carta de motivación, tal e como requiren as bases. Alén da formación e a experiencia, valorarase a vinculación co eido da cooperación e do desenvolvemento sostible. Asemade, terán preferencia as persoas que traballen nunha deputación ou concello socio do Fondo Galego.

A través de Especialistas en Cooperar e mais do anterior programa de voluntariado internacional para persoal municipal, Vacacións con Traballo, desde o ano 2005 un total de 50 empregadas e empregados da administración local teñen colaborado cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido. A reconfigración do programa, que se retomou o ano pasado tras ficar suspendido por mor da Covid-19, busca potenciar a súa dimensión de cooperación técnica no marco da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

Bases EeC 2023
Ficha de solicitude

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información