O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de lanzar o novo programa Especialistas en Cooperar, que permitirá a tres técnicas e técnicos da administración local colaborar cos municipios e entidades parceiras da entidade en Mozambique. As estancias prolongaranse durante un máximo de trinta días e as persoas seleccionadas poderán viaxar en réxime de voluntariado, empregando as súas vacacións, ou ben solicitando unha licenza específica ao abeiro da lexislación autonómica.
A cooperación técnica é unha das ferramentas máis potentes e distintivas da cooperación internacional ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais, pois supón aproveitar o know how dos municipios para reforzar as capacidades das administracións públicas e asociacións das sociedades máis desfavorecidas, facilitando respostas profesionais e formación adecuada ás súas necesidades. Ese é precisamente o principal obxectivo de Especialistas en Cooperar, que tamén favorece o intercambio de experiencias e un maior coñecemento da realidade dos países que o Fondo Galego está a apoiar.
Neste senso, as prazas ofertadas vincúlanse aos dous proxectos que na actualidade se están a executar en Mozambique. Dunha banda, a Fundação Encontro precisa dunha persoa experta en igualdade de xénero para a iniciativa está a promover o dereito á educación e á saúda das nenas e nenos do rural, co financiamento do Concello de Cambre. A súa tarefa consistirá en realizar unha análise de xénero nos centros infantís e actividades coeducativas.
Por outra parte, a Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM), recibirá apoio para o proxecto de construción de catro vivendas resilientes fronte ao cambio climático, cofinanciado pola Xunta de Galicia. Deste xeito, búscase unha arquitecta ou arquitecto municipal que asesore e supervise a intervención, así como unha técnica ou técnico da área social que oriente a atención prestada polo concello de Boane ás persoas afectadas polo ciclón Eloíse, entre as que se atopan as beneficiarias das novas casas.
Empregadas e empregados das deputacións, concellos e mancomunidades de Galicia teñen ata o 13 de abril para solicitar a súa participación no programa Especialistas en Cooperar, financiado pola Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (AECID), que cubre todos os gastos derivados do desprazamento e a estadía. As candidaturas presentaranse enviando a ficha de solicitude ao enderezo electrónico info@fondogalego.gal, canda o currículo, unha carta de motivación e demais documentación requirida nas bases. Alén da formación e a experiencia, valorarase a vinculación co eido da cooperación e do desenvolvemento sostible. Asemade, terán preferencia as persoas que traballen nunha deputación ou concello socio do Fondo Galego.
Especialistas en Cooperar toma o relevo do anterior programa de voluntariado internacional para persoal municipal, Vacacións con Traballo, que ao longo de catorce edicións enviou a un total de 46 empregadas e empregados da administración local a colaborar cos parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Nicaragua, Cuba, Perú, Mozambique e Cabo Verde, contribuíndo así á mellora da calidade de vida da poboación e xerando fluxos de coñecemento compartido. A reconfigración do programa, tras dous anos suspendido por mor da pandemia, busca agora potenciar a súa dimensión de cooperación técnica no marco da Axenda 2030 e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.
Bases EeC 2022
Ficha de solicitude
Modelo carta concellos socios
Modelo carta concellos non socios