O Plan de Actividades 2019 preséntase na Asemblea Xeral

O Plan de Actividades 2019 preséntase na Asemblea Xeral

O Plan de Actividades 2019 preséntase na Asemblea Xeral 1500 1035 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

As políticas e políticos que actúan de enlace co Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no centenar de deputacións e concellos socios están chamados a participar na videira Asemblea Xeral, onde se presentará o Plan de Actividades para o ano en curso, logo de recoller as achegas realizadas polo persoal técnico nas xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria. O encontro terá lugar o martes 26 de marzo, ás 10 horas, en Santiago de Compostela, concretamente na sede da Fegamp (Área Central, Rúa Varsovia, 4C, 6ª planta).

O Plan de Actividades 2019 contempla catro áreas: fortalecemento da asociación, sensibilización da veciñanza fronte as desigualdades, proxectos de cooperación internacional e comunicación. Deste xeito, está previsto continuar captando novas administracións socias, fomentar a colaboración cos países lusófonos e reeditar o programa de voluntariado internacional e cooperación técnica Vacacións con Traballo, na súa dobre vertente.

Ao tempo, seguiranse ofertando actividades de educación para o desenvolvemento, como espectáculos musicais e teatrais, algúns deles novidades deste ano. Tamén contaremos coas exposicións sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e sobre as persoas refuxiadas, canda novas mostras arredor dos dereitos humanos en Mozambique ou das mulleres en Guinea Bissau.

En canto á cooperación internacional, pecharanse as dúas iniciativas impulsadas en Mozambique, unha para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte e outra para garantir o abastecemento de auga nun municipio rural. Está previsto asemade iniciar novos proxectos con municipios da África lusófona, amais de reservar unha partida para axudas de emerxencia.

Alén da presentación do Plan de Actividades e do orzamento para 2019, a orde do día inclúe o balance do ano anterior, a ratificación das altas das novas administracións locais socias do Fondo Galego e o inicio do proceso para conseguir a Declaración de Utilidade Pública para a asociación de concellos e deputacións.

 

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información