O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade convoca o vindeiro venres 28 de marzo a primeira Asemblea xeral ordinaria do ano, na que están chamadas a participar as e os representantes de cada deputación e concello socio. A xuntanza terá lugar na sede da Fegamp (Área Central, Rúa Varsovia, 4C, 6ª planta), en Santiago de Compostela, e está programada ás 12.15 horas en primeira convocatoria e ás 12.30 horas en segunda.
Un dos elementos centrais do encontro será a exposición do Plan de actividades para 2014, aínda que a cita arrincará coa presentación do informe da situación actual da asociación municipalista, a cargo da presidenta, Teresa París. Amais da aprobación do balance económico de 2013, tamén se someterá a votación a proposta de ratificación de altas e baixas.
En canto ao Plan 2014, reedítanse fórmulas de éxito coma o concurso Imaxes con Fondo, o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo, os contos da Tropa de Trapo, os ciclos de cine ou as exposicións. Entre as novidades que se ofertan, destacan os obradoiros de fotografía ou os encontros dixitais #Alén2015.
Na Asemblea tamén se actualizará o avance dos proxectos impulsados en Cuba, Mozambique e El Salvador canda ONGD galegas, así coma o destino das doazóns recadadas para Filipinas. Do mesmo xeito, exporase a segunda fase da iniciativa Redes para o Desenvolvemento, onde o Fondo Galego participa canda entidades de Portugal, Alemaña e Holanda co obxectivo de fortalecer as autoridades locais europeas en accións de educación para o desenvolvemento.
As políticas e políticos designados como representantes do Fondo Galego en cada unha das 92 administracións socias están convocados a participar da Asemblea, aínda que poden delegar no persoal técnico. Prégase confirmación ou escusa da asistencia no enderezo dpalau@igadi.org.
Convocatoria e orde do día
Resumo executivo Plan 2014
Plan de Comunicación Online