O obradoiro ‘Tecendo polo cambio’ péchase en Vilar de Santos cunha acción de “yarn bombing”

O obradoiro ‘Tecendo polo cambio’ péchase en Vilar de Santos cunha acción de “yarn bombing”

O obradoiro ‘Tecendo polo cambio’ péchase en Vilar de Santos cunha acción de “yarn bombing” 1600 1067 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O obradoiro 'Tecendo polo cambio' clausurouse en Vilar de Santos cun acto de "yarn bombing" no que as participantes colocaron sobre a fonte da Praza do Concello a peza que elaboraron colectivamente. O obxectivo era chamar a atención sobre a importancia do acceso á auga tanto na nosa contorna coma nos países empobrecidos, tal e como lembra o Obxectivo de Desenvolvemento Sostible número 3. A actividade, desenvolvida no Centro de Día durante tres xornadas cunhas quince veciñas, está organizada polo Concello como socio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A entidade ten promovido diversos proxectos para dotar as vivendas de auga corrente, instalar sistemas de saneamento ou construír cuartos de baño, sobre todo en Cabo Verde, colaborando directamente con municipios do arquipélago africano. Tamén apoiou a distintas ONGD galegas para que levaran a cabo este tipo de proxectos, nomeadamente en Latinoamérica, os últimos con Amigos da Terra en Nicaragua e con Enxeñería sen Fronteiras en Honduras, para facer efectivo o dereito á auga potable, sen esquecer a concienciación sobre o uso responsable deste recurso.

O alcalde, Xan Jardón, salientou durante o acto celebrado esta mañá que o Concello pode contribuír este tipo de accións de cooperación internacional grazas á cota que achega a través do Fondo Galego. Lembrou asemade que a auga "ten unha importancia que non lle damos, xa que a vemos saír doadamente ao abrir a billa" e que se debe facer un consumo axeitado, ao tempo que apuntou o risco de que algúns mananciais comecen a secar por mor do cambio climático.

Engalanáronse dous bancos e a fonte, esta última coa arracada castrexa símbolo de Vilar de Santos.Cómpre subliñar que habitualmente son as mulleres e nenas as encargadas de cargar os baldes ao longo de quilómetros ata a casa, o que lles resta tempo para a súa formación e outro tipo de actividades, polo que se trata de actuacións que tamén favorecen a igualdade de xénero. Trátase dunha realidade de enlaza coa historia das propias mulleres de Vilar de Santos e doutras vilas galegas, xa que como lembraron algunhas veciñas con tan só seis anos xa as mandaban á fonte á por auga e, algo máis maiores, mesmo ían cun caldeiro cheo en cada man e unha ola na cabeza.

Esta conexión entre o local e o global fomentouse asemade nas charlas incorporadas ao obradoiro 'Tecendo polo cambio', impartido por Socorro Vázquez, onde as asistentes reflexionaron sobre temas como a cooperación internacional, a equidade de xénero, o voluntariado ou o comercio xusto da man de diferentes persoas expertas convidadas para a ocasión.

É unha actividade de sensibilización fronte as desigualdades, ofertada polo Fondo Galego e cofinanciada pola Xunta de Galicia, que ten como obxectivo achegar ao eido rural e a veciñanza de todas as idades a defensa dos Dereitos Humanos, ao tempo que se recoñece o traballo feminino a través dunha tarefa compartida por mulleres de todos os tempos e culturas. Ademais, o "yarn bombing" ou "urban knitting" constitúe unha técnica de arte urbana coa que apropiarse do espazo público, relacionando o individual co colectivo e rompendo a dicotomía público/privado.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información