O novo proxecto de saúde menstrual facilitará a asistencia á escola de 714 raparigas en Mozambique

O novo proxecto de saúde menstrual facilitará a asistencia á escola de 714 raparigas en Mozambique

O novo proxecto de saúde menstrual facilitará a asistencia á escola de 714 raparigas en Mozambique 1897 835 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e a Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM) están a colaborar nun novo proxecto de cooperación internacional que permitirá mellorar a saúde menstrual de 714 rapazas en vinte concellos do país africano. A iniciativa lanzouse esta mañá nun encontro virtual con concelleiras mozambicanas no que interviñeron representantes da ANAMM, da Cidade de Maputo e do Concello de Betanzos.

A pobreza menstrual impacta na vida de moitas nenas, mozas e mulleres que non teñen acceso a produtos básicos para coidar a súa hixiene cando teñen a regra. Esta situación pode facer que as raparigas sintan vergoña, falta de autoestima e mesmo deixen de ir á escola, perpetuando así o ciclo da exclusión e a desigualdade. Para reverter esta situación, o Fondo Galego destina 15.000 euros á distrubución de kits que inclúen dúas bragas menstruais, xel íntimo e xabón de lavar.

Ao mesmo tempo, impartiranse obradoiros non só para a xestión da hixiene menstrual, senón tamén sobre saúde sexual e reprodutiva, pois estímase que os embarazos adolescentes afectan a 166 de cada 1.000 rapazas de entre 15 e 19 anos. O obxectivo é involucrar a toda a comunidade para rachar cos tabús e promover redes de apoio que freen a discriminación e favorezan o empoderamento das mozas.

Así o puxo de manifesto na sesión introdutoria a concelleira de Saúde e Calidade de Vida no Municipio de Maputo e coordinadora de Saúde da Rede das Mulleres Autarcas de Mozambique, Alice de Abreu, que tamén abordou cuestións como a prevención do VIH ou a loita contra o cancro de mama e o VPH. Pola súa banda, a técnica de Igualdade do Concello de Betanzos, Marta Piñeiro, incidiu na saúde menstrual como un dereito recoñecido pola OMS que tamén se vincula cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e orientou sobre a utilización e as vantaxes das bragas menstruais.

Pola súa banda, a técnica da ANAMM Elsa Dimande compartiu os resultados da enquisa realizada nos centros educativos, onde as alumnas demandaban máis información sobre a xestión menstrual e manifestaban o impacto emocional de non ter acceso aos produtos de hixiene axeitados, o que as converte mesmo en vítimas de bullying. Ponse así de relevo a necesidade deste proxecto que conecta saúde e igualdade de xénero.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información