O nivel de participación nas Redes Municipalistas Solidarias aínda se debe mellorar

O nivel de participación nas Redes Municipalistas Solidarias aínda se debe mellorar

O nivel de participación nas Redes Municipalistas Solidarias aínda se debe mellorar 900 600 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

As Redes Municipalistas Solidarias convocadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade mantivéronse nun nivel de participación semellante ao do primeiro semestre. Se daquela acudiron  técnicas e técnicos dun total de 44 das 100 administracións socias, esta vez foron 43 Concellos e Deputacións os que estiveron representados.
As Redes Municipalistas Solidarias do segundo semestre celebráronse entre o 14 de outubro e o 3 de novembro en Ourense, Dumbría, O Porriño, Betanzos, Santiago de Compostela, Cambados e Lugo. O persoal técnico e político encargado das cuestións relacionadas co Fondo Galego de Cooperación en cada unha das entidades socias decide a cál acudir. Estes encontros con representantes da Secretaría Técnica do Fondo Galego cumpren unha función informativa e de comunicación interna primordial. Neles réndese conta das iniciativas levadas a cabo, avalíanse aquelas que están en andamento e estúdanse as propostas para os vindeiros meses.
No apartado de proxectos, informouse das catro liñas de cooperación directa con Cabo Verde: a construción de cuartos de baño en Maio, a extensión do subministro de auga en Brava, a recalificación urbana dunha localidade de Paúl e a elaboración do III Plan de Desenvolvemento da illa de Santo Antón. Citouse asemade o proxecto para o desenvolvemento económico local na provincia mozambicana de Maputo que están a cofinanciar catro membros da Comisión de Cidades e Deputacións creada no seo do Fondo Galego. Especial interese espertou a iniciativa de reconstrución do tecido institucional local que se está a apoiar no Haití grazas ás doazóns na Conta de Emerxencia aberta tras o grave terremoto de xaneiro. Expuxéronse asemade os dous proxectos de cooperación indirecta con senllas ONGD galegas. Un con Amigos Escaes Perú para promover a alfabetización, a participación social e a equidade de xénero no país andino, e outro con Axunica para construír 30 latrinas e mellorar as condicións sanitarias nunha comunidade nicaraguana.

Actividades de Sensibilización

Doutra banda, nas Redes Municipalistas Solidarias destacouse a mellora nos distintos indicadores do Plan de Sensibilización 2010 e as actividades suxeridas para concienciar ás administracións e á cidadanía e para visibilizar o traballo do Fondo Galego. Entre elas cítanse a exitosa xira ‘Contos coas mans abertas’ da compañía A Tropa de Trapo, a Visita ao Norte que protagonizaron parceiros no Perú e que realizará a finais de novembro unha alcaldesa de Cabo Verde ou o comezo do segundo programa de teatro social TeatrAcción. Lembróuselles aos socios que continúan dispoñibles as exposicións ‘A Paz Cuestión de Fondo’, ‘Os obxectivos do Milenio’ e ‘Nicaragua: unha realidade viva’, e que axiña se facilitará a mostra ‘Influír no global dende o local: as entidades locais galegas perante un mundo inxusto’.

Celebráronse xa as VI Xornadas Anuais de Cooperación e áchase en pleno desenvolvemento o programa ‘Vacacións con Traballo’, que consiste en estadías voluntarias de persoal técnico das administracións asociadas en países do Sur onde hai parceiros do Fondo Galego de Cooperación. Seguen a saír do prelo publicacións como os boletíns bimensuais ‘Infórmate a Fondo’ e avanzouse na proxección mediática da entidade coa externalización da comunicación. Neste punto, indicouse que unha vez ao mes se realiza o programa ‘Voces con Fondo’ para a emisora virtual da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios, un espazo que algunha emisora local amosou interese en redifundir. Apuntouse asemade o avance que suporá a presentación da nova páxina web, antes de finais de ano. Ao mesmo tempo, incluiranse máis de 100 novos títulos no BiblioFondo e 25 no VideoFondo. Os filmes ofertaranse proximamente agrupados por temáticas, para facer máis doada a súa difusión.

Nas Redes Municipalistas Solidarias expúxose, asemade, que o vindeiro Plan de Sensibilización 2011-2012 manterá a mesma estrutura básica actual, con dúas novidades fundamentais. Dun lado, a previsión de actividades especificamente dirixidas ás concelleiras e concelleiros dos partidos políticos galegos, a fin de reforzar o seu compromiso coa asociación e de facilitar a incorporación dos novos cargos electos despois das eleccións municipais do próximo ano. Por outra parte, a posta en andamento dun novo programa de intercambio en que municipios galegos acollerán técnicas e técnicos municipais de países do Sur.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información