O ministro de Sanidade da República Árabe Saharauí Democrática, Salek Baba, reuniuse esta mañá co presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, e co alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, dous dos concellos que integran, xunto con Baiona, a Mancomunidade do Val Miñor. O representante da Fronte Polisario solicitou o apoio de ambas as dúas entidades tanto para as súas reivindicacións políticas como para a acción humanitaria nos campamentos de Tinduf. Na xuntanza participaron tamén o delegado saharauí en Galicia, Mohamed Zerga, e a presidenta da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Maite Isla.
Salek Baba expuxo as múltiples necesidades que enfronta o seu departamento, desde a renovación de infraestruturas de saúde ata a estabilidade do persoal, pasando pola adquisición de equipamentos médicos, medicamentos, ambulancias ou alimentos para as persoas ingresadas. Foi neste último punto onde propuxo a colaboración da Mancomunidade de Val Miñor, que xa anteriormente financiara a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade un proxecto de axuda alimentaria nos campamentos saharauís. Os mandatarios municipais comprometéronse a estudar a nova proposta, despois de coñecer o ano pasado in situ a realidade das persoas refuxiadas en Tinduf.
O Fondo Galego está a organizar precisamente, xunto coa Delegación Saharaui en Galicia e Sogaps, una nova misión aos campamentos, dirixida a representantes políticos dos concellos e deputacións. “Estas visitas son importantísimas non só para conseguir apoio humanitario, senón para impulsar a nosa prioridade que é unha solución política para o Sáhara Occidental e para que o noso pobo sinta a solidariedade de institucións e persoas que recoñecen a súa loita por un obxectivo xusto”, apuntou o responsable da RASD. A viaxe terá lugar do 5 ao 10 de decembro e as persoas interesadas en participar xa poden reservar a súa praza no enderezo electrónico info@fondogalego.gal ou no teléfono 698 144 536.
“A estadía nos campamentos permítenos sentir o mesmo ca vós, escoitarvos de primeira man e compartir esa gran necesidade que tedes de recuperar a vosa terra, fainos cómplices da vosa causa e lévanos a defendela á nosa volta con paixón”, expresoulle a Salek Baba o presidente do Fondo Galego, que esixe o cumprimento do Plan de Arranxo acordado en 1991. No mesmo senso, o ministro de Sanidade insistiu en que “calquera solución terá que adoptarse no marco da legalidade internacional”, en referencia á celebración dun referendo de autodeterminación auspiciado pola ONU. “España segue a ser a potencia administradora do Sáhara Occidental mentres non se leve a cabo un proceso de descolonización e a posición actual do goberno é contraria á legalidade”, engadiu.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade retomou en 2022 a cooperación nos campamentos saharauís coa posta en marcha do proxecto Nadafa, coa finalidade de reforzar o servizo de recollida de lixo e a concienciación medioambiental na Wilaya de Bojador. Nestes intres estase a desenvolver a segunda fase desta iniciativa, que conta con achegas extraordinarias do Concello de Nigrán e do Concello de Moaña.