O fotoxornalista Felipe Carnotto retrata Nicaragua tras gañar o certame ‘Imaxes con Fondo’

O fotoxornalista Felipe Carnotto retrata Nicaragua tras gañar o certame ‘Imaxes con Fondo’

O fotoxornalista Felipe Carnotto retrata Nicaragua tras gañar o certame ‘Imaxes con Fondo’ 1199 799 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O fotógrafo Felipe Carnotto áchase ata comezos de xullo en Nicaragua retratando a vida no país e os proxectos alí apoiados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para preparar unha exposición que logo xirará por municipios de toda Galicia. A viaxe forma parte do premio da segunda edición de Imaxes con Fondo, certame que o fotoxornalista de orixe brasileira afincado en Vigo gañou o pasado ano.

Desde que a comezos de xuño iniciara o seu periplo, Felipe Carnotto está a visitar distintas iniciativas de loita contra a pobreza cofinanciadas desde o ano 2003 en materia de turismo sostible, autoconstrución de vivendas, formación agropecuaria, abastecemento de auga ou empoderamento das mulleres. Nos primeiros días, coincidiu en terreo coa técnica de proxectos do Fondo Galego, a tamén viguesa Andrea García Corzo, que durante dúas semanas supervisou os resultados das intervencións realizadas entre 2011 e 2015.

A asociación municipalista desenvolveu ata o momento un total de 17 proxectos co Instituto de Promoción Humana-Somoto como parceiro local, algúns deles con achegas extraordinarias de entidades socias coma o Concello de Vigo e mesmo da Consellería de Vivenda. No entanto, desde 1998 o Fondo Galego ten apoiado unha trintena de actuacións no país centroamericano que suman preto de un millón de euros de investimento, moitas delas en colaboración con ONGD galegas.

Na actualidade, estase a executar unha intervención con Amigos da Terra para facilitar o acceso á auga a 178 familias empobrecidas e outra con Taller de Solidaridad a prol do turismo rural comunitario. O obxectivo de Felipe Carnotto recollerá estes e outros proxectos, así como actividades culturais, espazos naturais, xuntanzas con mocidade, etc. A andaina do fotoxornalista, que conta con distintos galardóns e ten publicado en xornais como Der Spiegel, Financial Times ou The Guardian, pode seguirse na bitácora www.felipecarnotto.com/blog.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información