O fotógrafo Adrián Irago áchase ata finais de novembro en Mozambique retratando a vida no país e os proxectos alí apoiados polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co fin de preparar unha exposición que logo xirará por municipios de toda Galicia para dar a coñecer esta realidade. A viaxe forma parte do premio da terceira edición de Imaxes con Fondo, certame que o reporteiro vigués gañou o pasado ano.
Desde que hai un par de semanas iniciara o seu periplo, Adrián Irago está a visitar algunhas das iniciativas de loita contra a pobreza cofinanciadas desde o ano 2001 en materia de educación, saúde ou abastecemento de auga. O Fondo Galego impulsou ata o momento unha decena de proxectos no país lusófono, que supuxeron preto de 300.000 euros de investimento e que na súa maioría se levaron a cabo coa Casa do Gaiato e a súa “irmá” a Fundação Encontro como parceiros locais, pero tamén coa colaboración de ONGD galegas ou do Programa das Nacións Unidas para o desenvolvemento (PNUD).
Na actualidade, estase a executar canda a Fundação Encontro unha intervención co deporte como ferramenta para previr doenzas e adiccións entre a mocidade. Tamén se está a traballar directamente co municipio de Nhamayábue para a construción de pozos de auga. Adrián Irago está a visitar estes e outros proxectos anteriores, coma o realizado con Ecos do Sur para reparar un centro educativo na contorna de Maputo ou o impulsado canda Arquitectura sen Fronteiras para mellorar as condicións sanitarias na provincia de Inhambane. O seu obxectivo recollerá ademais a actividade pesqueira, aspectos culturais, espazos naturais, etc.
Adrián Irago, que traballou en medios locais durante varios anos, conta na súa andaina con galardóns coma o Premio Nacional de Fotoperiodismo da Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa y Televisión. Entre os seus traballos destaca a cobertura dos desafiuzamentos en Madrid de 2012, os incendios en Galicia de 2013 e a ruta das persoas refuxiadas en 2015, que o levou a percorrer Grecia, Macedonia, Serbia, Alemaña e Francia.