O fotógrafo Jose Romay gaña o concurso ‘Imaxes con Fondo’ cunha serie da inmigración en El Ejido

O fotógrafo Jose Romay gaña o concurso ‘Imaxes con Fondo’ cunha serie da inmigración en El Ejido

O fotógrafo Jose Romay gaña o concurso ‘Imaxes con Fondo’ cunha serie da inmigración en El Ejido 1199 798 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O fotógrafo Jose Romay vén de gañar o concurso de fotografía 'Imaxes con Fondo', promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Unha serie tirada nunha zona de invernadoiros onde traballan e viven inmigrantes en El Ejido (Almería) mereceulle a este profesional, veciño de Meis, unha viaxe a Cabo Verde para realizar un traballo fotográfico sobre algún dos proxectos apoiados pola entidade organizadora. O mozo de 15 anos Xiao Aller, da Estrada, venceu na categoría xuvenil co retrato dun burro agredido. O premio é unha cámara réflex e un lote de produtos de comercio xusto.

O xurado estaba integrado polos fotoxornalistas Gabriel Tizón, Carlos Puga e Sonia Daponte, a escritora Rexina Vega; a presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, Gema Filgueira; a presidenta do Fondo Galego, Teresa París, e mais unha representante do Concello de Oleiros, Marga Figueroa. Avaliouse non só o contido e a calidade das imaxes, senón tamén o 'tweet' que as acompañaba. "O primeiro mundo cérralle as portas ó terceiro agás para traballar nos sectores máis duros" era o lema das fotografías presentadas por Jose Romay baixo o título 'Os viaxeiros do Terceiro Mundo'. Pola súa banda, o mozo Xiao Aller describía a serie chamada 'Chegando á casa. O ferido. A ferida' deste xeito: "A solidariedade non só se practica con persoas, senón tamén cos animais. Aquí pódese ver un burro ferido que atopamos en Santiago, levámolo para a casa e estámolo curando".

Xiao Aller venceu na categoría xuvenil cun burro agredido.O 15 de novembro pechábase o prazo para concorrer ao concurso 'Imaxes con Fondo', que rexistrou un total de 7 participantes na categoría xuvenil e 40 na de persoas adultas. 'Cambia, reivindica e constrúe' era o tema deste apartado no que as propostas debían reflectir como determinadas accións das sociedades do Norte inciden negativamente sobre as poboacións do Sur. Na sección para mocidade de entre 13 e 17 anos, co encabezamento 'A solidariedade dá sentido ás nosas vidas', tratábase de amosar accións solidarias na nosa contorna.

A entrega de premios do concurso 'Imaxes con Fondo' terá lugar o vindeiro 30 de novembro no acto de conmemoración do 15º aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que se celebrará en Santiago de Compostela. A convocatoria do certame contou coa colaboración da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), a Asociación Provincial de Fotógrafos Profesionais de Pontevedra, a Asociación Provincial de Fotógrafos Profesionais de Lugo, a Agrupación Fotográfica Galega e a Asociación Fotográfica Galega 'Phosgalicia'. A actividade encádrase no Plan de Sensibilización 2012, cofinanciado pola Xunta de Galicia.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información