O Fondo Galego únese á Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa

O Fondo Galego únese á Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa

O Fondo Galego únese á Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa 1141 899 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de incorporarse á Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa como entidade apoiante, o que permitirá fortalecer aínda máis os lazos de colaboración das deputacións e concellos galegos co municipalismo da Lusofonía. A UCCLA aprobou a adhesión na Asemblea Extraordinaria celebrada a finais de maio, despois de que a propia Asemblea do Fondo Galego acordara solicitar a afiliación no mes de marzo.

A Unión das Cidades Capitais de Lingua Portuguesa é unha asociación intermunicipal sen ánimo de lucro, de carácter internacional, impulsada en 1985 polo entón alcalde de Lisboa, Nuno Krus Abecasis, xunto con outras sete capitais de distintos continentes. Na actualidade, a rede está integrada por 67 cidades -que poden ser membros efectivos, asociados ou observadores- espalladas polos catro continentes, máis 24 empresas apoiantes.

Ao longo dos seus 40 anos de historia, a UCCLA contribuíu a fortalecer os lazos de colaboración entre estas cidades, fomentando o seu desenvolvemento económico, social e cultural e estimulando a solidariedade a través da cooperación e o intercambio. Saúde, formación, saneamento, medio ambiente ou infraestruturas atópanse entre os seus ámbitos de actuación, coa misión de contribuír ao desenvolvemento e o benestar da poboación e, en particular, dos sectores máis vulnerables.

A adhesión do Fondo Galego a esta rede, que ademais vén de ser recoñecida coa Orde de Camões, permitiralles ás deputacións e concellos socios participar de novas accións e oportunidades no marco da cooperación descentralizada, fomentando o a aprendizaxe compartida e os vínculos cos países de lingua oficial portuguesa.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información