O Fondo Galego supervisa sobre o terreo os proxectos financiados en Mozambique

O Fondo Galego supervisa sobre o terreo os proxectos financiados en Mozambique

O Fondo Galego supervisa sobre o terreo os proxectos financiados en Mozambique 1199 725 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, e tamén alcalde de Nigrán, Juan González, áchase desde o pasado luns en Mozambique acompañado de persoal técnico para supervisar os proxectos que a entidade está apoiando na zona e establecer futuras liñas de colaboración. A delegación mantivo diversos encontros institucionais na capital antes de desprazarse ao distrito de Boane para coñecer de primeira man o traballo da Fundação Encontro, un dos principais parceiros da asociación de concellos e deputación no país lusófono que atende a poboación vulnerable.

Alí entrevistáronse co grupo de activistas que se encarga de dinamizar os proxectos e asistiron aos adestramentos da iniciativa que cofinancia o Fondo Galego para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte. Tamén visitaron a Casa do Gaiato, organización “nai” da Fundação Encontro, e o seu centro de acollida de menores, que con escasos recurso atende na actualidade a 180 nenos. Ambas as dúas entidades apostan pola formación en orixe e desde a base, ofrecendo alternativas para que a xente nova non se vexa obrigada a emigrar.

A comitiva do Fondo Galego percorreu asemade distintos centros educativos da man da ONGD Adane-Mozambique en Maputo, onde se reuniu ademais co alcalde da cidade, con representantes do Plan das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (Aecid) e da Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos, socia clave no país africano coa que a secretaria do Fondo Galego viaxou onte á vila de Nhamayábue. Logo da recepción institucional, Andrea García terá ocasión de visitar o proxecto para a construción de pozos na aldea de Mutarara Velha, cuxo primeiro obxectivo é evitar as mortes que se producen polos ataques de hipopótamos e crocodilos cando a poboación se achega á beira do río Zambeze para abastecerse de auga, unha tarefa realizada principalmente polas mulleres.

Un dos países máis empobrecidos
Mozambique ten experimentado un crecemento considerable desde o Acordo de Paz asinado en 1992, mais o seu Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) segue a ser un dos máis baixos do planeta, ao ocupar o posto 179 entre os 188 contemplados. A pobreza atinxe ao 55% da poboación, especialmente as mulleres, mentres que a esperanza de vida se sitúa nos 57 anos. No entanto, trátase dun país cun gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita cada día por reverter esa situación, algunhas delas con colaboración internacional.

Tal é o caso dos municipios e organizacións apoiadas polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que impulsou ata o momento unha decena de proxectos no país africano con arredor duns 300.000 euros de investimento, canalizando así as inquedanzas dun cento de concellos e deputacións de Galicia para contribuír á construción dun mundo máis xusto. As actuais liñas estratéxicas da entidade apostan por acentuar a colaboración cos países lusófonos, especialmente os da África máis empobrecida.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información