O Fondo Galego supervisa sobre o terreo os proxectos en Mozambique

O Fondo Galego supervisa sobre o terreo os proxectos en Mozambique

O Fondo Galego supervisa sobre o terreo os proxectos en Mozambique 881 578 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A técnica de proxectos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade áchase esta semana en Mozambique visitando as actuacións financiadas pola asociación municipalista na última década.  Andrea García Corzo participa asemade no Seminario de avaliación dos resultados e perspectivas do proxecto de mellora das capacidades de autoridades locais de Brasil e Mozambique como actores da cooperación descentralizada.

A máis recente das iniciativas a supervisar foi a escola de Hitakula das Mahotas, onde se veñen de mellorar as condicións educativas e sanitarias en colaboración con Ecos do Sur e coa ONGD local Adane-Moçambique. A técnica do Fondo Galego tamén se achegou ao centro de apoio de Mahanhane, construído en parcería coa Casa do Gaiato para proporcionar reforzo educativo, alimentario e hixiénico a nenas e nenos, alén de acoller outras actividades formativas e sociais para a veciñanza.

Andrea García Corzo tivo ademais a oportunidade de reunirse coa Associação Nacional dos Municípios de Moçambique, o Frente Nacional de Prefeitos e a Rede Mundial de Cidades e Gobernos Locais e Rexionais. As tres entidades veñen de culminar un proxecto financiado pola Unión Europea para impulsar as capacidades institucionais en xestión do desenvolvemento, no que participaron seis cidades brasileñas e nove mozambicanas. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade podería entrar nunha nova fase desta iniciativa.

A asociación de concellos e deputacións cofinanciou ata o momento sete proxectos de cooperación internacional en Mozambique. A construción dun centro de atención infantil, a adquisición de bicicletas para promotoras de saúde, a mellora das condicións sanitarias  e o apoio ao proceso de desenvolvemento económico local son algunhas das iniciativas postas en marcha canda organizacións como Bicis pola Paz, Arquitectura sen Fronteiras ou o Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD), alén das xa citadas. Ademais, ten achegado axuda de emerxencia con motivo do ciclón de 2006 en Changalane.

Axenda da misión a Mozambique
Programa do seminario

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información