A Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de aprobar a declaración institucional “A crise non poderá coa solidariedade do municipalismo galego”. A entidade avoga por evitar que os actuais recortes orzamentarios afecten ás partidas destinadas polos Concellos e Deputacións á cooperación internacional, que pola súa xa escasa contía individual non poderían resolver en Galicia problemas substanciais, mentres que para os países do Sur perder esa suma de achegas significaría agrandar enormemente os déficits nas necesidades máis básicas.
O texto sostén que o actual contexto económico non debe converter a solidariedade nun gasto prescindible e que a crise non pode ser unha escusa para que as Administracións locais e provinciais galegas deixen de cooperar no modesto nivel en que o veñen facendo. Ese esforzo colectivo vén amosando desde 1997 a súa efectividade tanto para contribuír a mellorar as condicións de vida nos países empobrecidos como para concienciar a cidadanía galega sobre esoutras realidades. Un avance continuo, grao a grao, canalizado a través do Fondo Galego no que agora se pretende evitar dar pasos atrás e lograr manter o compromiso solidario coas sociedades do Sur na loita contra a pobreza e as desigualdades. Un compromiso con resultados en Cabo Verde, Nicaragua, Cuba e boa parte de América do Sur.
Liñas estratéxicas
No entanto, as Liñas Estratéxicas 2011-2015 do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apostan ao tempo pola flexibilidade á hora de esixirlles ás Deputacións e Concellos socios o pagamento das cotas correspondentes. Analizarase cada caso de xeito individualizado e estudarase a posibilidade de aprazar os cobros, mentres a organización medra por dentro gañando cohesión e eficiencia. Incidir na sensibilización, reforzar a colaboración institucional e coas ongd, involucrar a iniciativa privada e concentrar os proxectos son outras das pautas que marcarán a actuación ata o remate da lexislatura.
Publicación polo 15º aniversario
O documento estratéxico cita como unha oportunidade para reivindicar a cooperación descentralizada local o 15º aniversario do Fondo Galego, que se celebra en 2012 con diferentes iniciativas. A primeira delas é a publicación '15 anos de andaina, a rede solidaria do municipalismo galego', que acaba de saír do prelo. A historia, os máis de 140 proxectos apoiados no Sur e a infinidade de actividades de sensibilización realizadas no Norte son algúns dos temas que se abordan, xunto coa propia declaración institucional “A crise non poderá coa solidariedade do municipalismo galego”. Os textos compleméntanse con páxinas gráficas que permiten comprobar en imaxes o labor do Fondo Galego de Cooperación.
Declaración Institucional 'A crise non poderá coa solidariedade do municipalismo galego'
Liñas Estratéxicas do Fondo Galego 2011-2015
Publicación '15 anos de andaina, a rede solidaria do municipalismo galego'