O Fondo Galego renovará a Comisión Executiva na Asemblea Xeral de outubro

O Fondo Galego renovará a Comisión Executiva na Asemblea Xeral de outubro 1199 646 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pechará o xoves 10 de outubro o mandato 2015-2019 e abrirá o novo ciclo 2019-2023 cunha Asemblea Xeral na que se someterá a aprobación a composición da nova Comisión Executiva, proposta pola saínte. Representantes dos 97 concellos e das tres deputacións socias da entidade están chamados a participar na xuntanza que se celebrará na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, concretamente no Auditorio 2 edificio CINC, ás 10.30 horas en primeira convocatoria e ás 11 horas en segunda.

A sesión dará comezo co balance dos últimos catro anos, nos que a Presidencia do Fondo Galego lle correspondeu ao Concello de Nigrán, a Vicepresidencia a Redondela e a Tesourería a Pontevedra, mentres que a Secretaría continuou exercéndoa o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), impulsor da iniciativa nos anos 90. As vogalías correspondían ata o momento aos concellos da Coruña, Cartelle, Monforte de Lemos, Oleiros e á Deputación da Coruña, buscando sempre a creación dun espazo transpartidario e mantendo o equilibrio entre provincias, municipios grandes e pequenos, da costa e do interior, etc.

As políticas e políticos designados como enlace co Fondo Galego en cada unha das administracións locais e provinciais socias están convocados á Asemblea, aínda que poden delegar noutra ou noutro representante político ou técnico. Prégase confirmación ou escusa da asistencia ata o 8 de outubro no electrónico acorzo@igadi.org ou nos teléfonos 986 843 436 e 698 144 536. No entanto, ao tratarse dunha xuntanza clave, a participación é especialmente relevante nesta ocasión.

Lémbrase asemade a aqueles concellos socios que aínda non comunicaron as designacións oficiais das súas ou dos seus representantes tras a configuración das novas corporacións, que o fagan á maior brevidade posible, pois o seu compromiso é fundamental para incorporar a defensa dos Dereitos Humanos na axenda local.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información