O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade abriu o novo ciclo 2019-2023 cunha Asemblea Xeral na que se aprobou por unanimidade a composición da nova Comisión Executiva. O Concello de Nigrán renova a Presidencia na persoa do alcalde, Juan González, mentres que a Vicepresidencia será para a concelleira de San Sadurniño Ana Breixo e a Tesourería para o concelleiro de Cartelle Daniel Fernández Carril. As vogalías corresponden aos concellos de Oleiros, Santiago de Compostela, Ames, Moraña e Deputación de Lugo, concretamente nas figuras das edís Marga Figueroa, Milagros Castro, Luísa Feijóo, a alcaldesa Luisa Piñeiro e a deputada María Loureiro, respectivamente. A Secretaría continuará exercéndoa o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), impulsor da iniciativa nos anos 90.
Representantes duns corenta concellos participaron esta mañá na Asemblea Xeral celebrada na Cidade da Cultura, que se abriu cun balance do período 2015-2019 por parte do seu presidente. Juan González expresou que o mandato se focalizou en catro puntos: impulsar o incremento da base asociativa e a súa participación activa na vida orgánica da asociación, realzar o papel do Fondo Galego como entidade de prestixio e recoñecemento no sector da cooperación, garantir a transparencia na xestión e mais difundir e implementar o no eido municipal os Obxectivos do Desenvolvemento Sostible, fixados pola ONU.
Neste senso, acadáronse logros coma o de chegar ás cen administracións locais socias, a participación en proxectos europeos ou a reactivación da Confederación de Fondos a nivel estatal, capitaneada polo Fondo Galego. Ademais, anualmente fanse públicas na web as contas da entidade, que tamén se someteu a unha auditoría externa con resultados positivos. Seguiuse apostando asemade polos proxectos de cooperación ao desenvolvemento e axuda de emerxencia, nomeadamente en Mozambique, establecendo unha alianza estratéxica coa Asociación Nacional de Municipios Mozambicanos. Ao tempo, avogouse por fortalecer as capacidades dos concellos do Sur con novos programas para o intercambio de coñecementos, como Vacacións con Traballo en Galicia.
O presidente do Fondo Galego agradeceu o traballo da Executiva saínte, da que formaron parte Teresa París polo Concello de Redondela, Anxos Riveiro e Carme Fouces por Pontevedra, Rocío Fraga pola Coruña, Gloria Prada por Monforte e Goretti Sanmartín pola Deputación da Coruña. Para propoñer a nova configuración do órgano de xestión e dirección da asociación, que deberá afrontar os desafíos dos vindeiros catro anos, a Comisión saínte tivo en conta diversos criterios de representatividade en canto a forzas políticas, provincias, municipios de diferentes tamaños, da costa e do interior e a paridade de xénero.