O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade denunciou a ocupación marroquí e defendeu o dereito á autodeterminación do Sáhara Occidental na xuntanza da Comisión Executiva celebrada esta mañá no Concello de Santiago de Compostela, na data en que se conmemora o 50º aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática (RASD). O órgano de goberno da asociación municipalista, que se reuniu para revisar o plan de actividades do ano en curso, recibiu ademais a dúas persoas referentes do movemento do comercio xusto en Centroamérica.
A concelleira compostelá e vogal do Fondo Galego, María Rozas, foi a anfitrioa do encontro, no que participaron o presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González; o tesoureiro e rexedor das Neves, José Manuel Alfonso; e mais os vogais Manuel Campos, alcalde de Cuntis, e Marga Figueroa, concelleira de Oleiros. “Reclamamos que as institucións internacionais actúen contra a violación de dereitos humanos por parte de Marrocos nos territorios ocupados e que se celebre o referendo acordado no seu día”, concordaron os representantes municipais, pois “non podemos abandonar ao pobo saharauí”.
O Fondo Galego xa emitira unha declaración institucional fronte a proposta de converter o Sáhara Occidental nunha rexión autónoma do reino alauíta, lembrando a responsabilidade do Estado Español na situación do pobo saharauí. A día de hoxe, máis de 170.000 persoas subsisten como refuxiadas nos campamentos de Tinduf (Alxeria), onde o Fondo Galego vén desenvolvendo distintas accións de axuda humanitaria. Ademais, no marco do seu plan anual, colaborará coa Delegación da RASD en Galicia e coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí en dous proxectos sobre o terreo, un para apoiar a celebración do Congreso da Unión Nacional de Mulleres Saharauís, contribuíndo ao empoderamento feminino, e outro para rehabilitar a sala dedicada á memoria histórica da muller saharauí no Museo da Resistencia, todo no contexto da conmemoración do vindeiro 8M.
Do mesmo xeito, organizarase un ciclo de conversas para sensibilizar sobre a causa saharauí nos concellos galegos. No entanto, a planificación de 2026 incorpora tamén outras actividades de educación para a cidadanía global que serán ofertadas ás administracións locais socias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Entre elas, contos para educar en valores, teatro sobre o xenocidio en Palestina, exposicións arredor dos proxectos de cooperación internacional ou cinefórums sobre os países da África lusófona nos que coopera o Fondo Galego. Tamén haberá formacións sobre axuda humanitaria e irmandamentos internacionais, aínda que unha das principais accións do exercicio terá lugar xa o 12 e o 13 de marzo co II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’ que se celebrará en Cabo Verde.
A isto súmanse os proxectos de cooperación internacional que se desenvolverán tanto no arquipélago africano como en Mozambique, Guinea-Bissau ou São Tomé e Príncipe en materia de agricultura sostible, saneamento, finanzas locais, dereitos da infancia, etc. Ademais desta cooperación directa, que se establece principalmente con municipios do Sur Global, xa están en marcha as cinco iniciativas financiadas a ONGD galegas en África e Latinoamérica. Así mesmo, haberá unha nova edición do programa de cooperación técnica Especialistas en Cooperar, dirixido a persoal das administración locais.
Por outra parte, a xuntanza celebrada hoxe en Santiago contou coa presenza de dúas persoas referentes do comercio xusto en Centroamérica, a suxestión da ONGD Solidariedade Internacional de Galicia. Claudia Jiménez, representante da Coordinadora Latinoamericana y del Caribe de Pequeños Productores de Comercio Justo (CLAC), ofreceu unha visión estratéxica sobre como a cooperación e o comercio poden xerar transformación social a gran escala. Doutra banda, o produtor de café Nery Sánchez, presidente da Cooperativa San Carlos Dos (El Salvador), amosou o impacto do comercio xusto no territorio.