O Fondo Galego reafirma o seu compromiso solidario no Consello da Confederación

O Fondo Galego reafirma o seu compromiso solidario no Consello da Confederación

O Fondo Galego reafirma o seu compromiso solidario no Consello da Confederación 1588 912 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego renovou esta mañá o compromiso das deputacións e concellos socios coa cooperación internacional na primeira xuntanza virtual do Consello Confederal da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, que reúne a nove entidades doutras tantas comunidades autónomas. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade estivo representado polo seu presidente e alcalde de Nigrán, Juan González, que ademais vicepreside a propia Confederación.

Os diferentes fondos coincidiron en sinalar que, no contexto dunha pandemia mundial, os gobernos locais deben dar resposta de xeito ineludible ás necesidades das súas respectivas cidadanías, pero que o urxente non pode facer esquecer o importante: como continuar defendendo e mantendo a cooperación internacional para afrontar os retos globais dun mundo interconectado. É nesta liña que a Confederación e os diferentes fondos que a integran deben caracterizarse pola destreza e a determinación na defensa da cooperación como servizo público, así como poñer en valor a súa experiencia, profesionalidade e capacidade de consenso ante o conxunto do sector e mais do resto de institucións.

O Consello Confederal acordou fortalecer a súa capacidade de representación e incidencia conxunta para que a Confederación se convirta nunha interlocutora activa nos procesos de renovación da estrutura de cooperación do Estado, tales como a reforma da Lei ARSAL, a Lei de Subvencións ou a Lei de Bases de Réxime Local, que afectan moi directamente ao labor da Confederación e dos diferentes fondos que a conforman.

O encontro tamén serviu para aprobar un plan de acción que pivota sobre diferentes eixos de traballo: fortalecer os fondos e a estrutura da Confederación, incrementar a capacidade de divulgación e sensibilización, a internacionalización e consolidar os recursos humanos e materiais.

Nestes momentos, os nove fondos que forman parte da Confederación aglutinan e xestionan as achegas á cooperación de máis de 1.000 entidades locais en todo o estado español, o que converte a cooperación descentralizada nunha ferramenta de transformación social para avanzar cara sociedades máis xustas e igualitarias.

Actualmente, as entidades que forman parte da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad son: Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional, Fons Català de Cooperació al Desenvolupament, Euskal Fondoa , Fondo Extremeño Local de Cooperación al Desarrollo, Fons Mallorquí de Solidaritat i Cooperació, Fons Menorquí de Cooperació, Fons Pitiús de Cooperació, Fons Valencià per la Solidaritat e Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información