Se a situación da poboación palestina xa era complicada antes da ofensiva impulsada por Israel en outubro do ano pasado, na actualidade o 93% dos habitantes de Gaza enfrontan niveis críticos de fame, entre outras carencias, de aí que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade decidira responder cunha doazón de 10.000 euros ao chamamento urxente da Axencia de Nacións Unidas para a Poboación Refuxiada de Palestina (UNRWA) co fin de cubrir as necesidades máis inmediatas na Faixa. A iniciativa faise pública coincidindo co Día da Nakba, “catástrofe” en árabe, en referencia ao episodio histórico de 1948 no que milleiros de palestinas e palestinos se viron obrigados a abandonar os seus fogares tras a guerra árabe-israelí e a creación do Estado de Israel.
A achega realizada pola asociación municipalista permitirá proporcionar alimentos durante un mes a 289 persoas en situación de extrema vulnerabilidade, das que a metade son mulleres e un 47% menores. Serán produtos básicos ou listos para ser inxeridos, como fariña, pan, galletas, feixóns, polo, carne en lata ou dátiles, que permitan combater os altos niveis de desnutrición e inseguridade alimentaria. O cargamento chegará desde Exipto a través do paso de Rafah, controlado por Israel, que segue a acumular atrasos nas entregas. Unha vez crucen a fronteira, poderán ser distribuídos nos refuxios da UNRWA ou nos propios fogares.
Este apoio á poboación gazatí parte da vontade expresada polas deputacións e concellos socios na última Asemblea Xeral do Fondo Galego, da que xurdiu tamén a proposta dunha moción na que se denuncia o xenocidio que está a cometer Israel e mais a idea de organizar actividades de sensibilización para concienciar sobre a situación en Gaza. Neste senso, coincidindo co Día Internacional de Solidariedade co Pobo Palestino, que se conmemora o 29 de novembro, unha activista do movemento de mulleres palestinas ‘Alakrama’ visitará Galicia para ofrecer o seu testemuño de primeira man en diversos municipios.
Máis de 35.000 mortes
Con 2,2 millóns de habitantes, dos que 1,8 millóns son poboación refuxiada palestina, a Faixa de Gaza é un dos territorios máis densamente poboados do mundo. Estímase que o 81% da poboación vive na pobreza e a taxa de desemprego acada o 46%, afectando especialmente á xente nova e ás mulleres. Se a ocupación e o bloqueo impostos por Israel xa dificultaban as condicións de vida, a actual escalada de violencia está a xerar unha crise humanitaria sen precedentes na última década. O apagón eléctrico ten colapsado servizos vitais, a falta de hixiene provoca graves enfermidades e 625.000 estudantes non teñen acceso á educación.
A ofensiva do exército israelí causou xa máis de 35.000 mortos, dos que un 70% son nenas e nenos e mulleres, amais de provocar o desprazamento do 75% da poboación e destruír vivendas e outras infraestruturas civís. A propia UNRWA perdeu máis de 180 traballadoras e traballadores, as súas 278 escolas serven provisionalmente de refuxio e a maioría dos seus 22 centros de saúde se atopan inactivos. Así mesmo, segue a administrar oito campamentos de persoas refuxiadas e continúa reivindicando que se permita a entrada de cando menos 500 camións diarios de axuda, ademais de esixir un alto o fogo inmediato.