O Fondo Galego promove irmandamentos eficaces e axuda humanitaria desde os concellos

O Fondo Galego promove irmandamentos eficaces e axuda humanitaria desde os concellos

O Fondo Galego promove irmandamentos eficaces e axuda humanitaria desde os concellos 2048 2560 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

En Galicia hai cando menos 84 concellos que asinaron 133 irmandamentos con outras localidades, pero a maioría non están activos. Para sacar o máximo partido destas alianzas, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organiza o 10 de novembro a xornada ‘Cooperación municipalista. Novos enfoques para vellas fórmulas: irmandamentos e axuda humanitaria’, co cofinanciamento do Concello da Coruña. A formación irá precedida o día anterior por unha conferencia aberta ao público de Marta Calderón e Jesús Céspedes, representantes da Oficina do Conservador da Cidade de Santiago de Cuba.

O programa do curso sobre irmandamentos e axuda humanitaria desenvolverase no Espazo Hi de 10 a 17 horas e está dirixido principalmente a representantes políticos e persoal técnico municipal, pero tamén a membros de organizacións e persoas interesadas en xeral, que poden inscribirse neste formulario. As sesións comezarán cunha panorámica sobre os irmandamentos en Galicia por parte do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), para continuar cunha mesa de experiencias na que os alcaldes de Anoeta e Nigrán compartirán as boas prácticas das súas irmandades no Sáhara e Cabo Verde, mentres que a propia Marta Calderón exporá os froitos do irmandamento con Santiago de Compostela. Para rematar, a consultora ICSEM dinamizará un obradoiro práctico.

O obxectivo deste bloque matinal é que os concellos galegos que xa están irmandados poidan tirar proveito desta fórmula como ferramenta de cooperación descentralizada, principalmente no ámbito do intercambio de experiencias e da aprendizaxe mutua. E tamén animar a establecer novos proxectos de irmandamento sólidos e sostibles, ofrecendo claves para deseñalos e orientándoos de maneira estratéxica e práctica cara a resultados concretos, no marco do desenvolvemento local e da innovación pública.

Xa pola tarde, a partir das 15 horas, a xornada entroncará co proxecto ‘Territorios que transforman’, no que o Fondo Galego traballa co apoio da Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad e da Dirección General de Políticas de Desarrollo Sostenible, coa finalidade de fortalecer a cooperación internacional promovida polos concellos. Durante a presentación, distribuiranse varios manuais e tamén a guía ‘Saber doar. A axuda humanitaria desde os concellos’, que dará paso ao derradeiro bloque formativo.

Neste caso, a mesa redonda protagonizada por ONGD como Cruz Vermella, Asemblea de Cooperación pola Paz e Farmamundi achegará as claves para canalizar a solidariedade da veciñanza dun xeito eficaz, especialmente en situacións de emerxencia como a DANA de Valencia ou a guerra en Ucraína, dado o caos xerado coas recollidas para as persoas afectadas. Desta volta, a partir da súa bagaxe, as entidades especializadas trasladarán recomendacións para organizar unha resposta eficiente, coordinando esforzos para evitar duplicidades, desbotando ideas preconcibidas e evitando xerar falsas expectativas.

Charla sobre a situación en Cuba

Na xornada previa á formación, o 9 de novembro, desenvolverase no Centro Cívico Cidade Vella a charla-coloquio ‘Cuba na encrucillada. Unha visión desde o municipalismo sobre os desafíos que enfronta a illa’. Trátase dun encontro con Marta Calderón, especialista principal en Cooperación e Relacións Internacionais da Oficina do Conservador da Cidade de Santiago de Cuba, e Jesús Céspedes, ex director de Investimentos e Colaboración da mesma institución.

Ademais de, sensibilizar aos municipios e á sociedade en xeral sobre a difícil situación que atravesa o pobo cubano, combatendo a desinformación ao respecto, na conferencia porase en valor a cooperación ao desenvolvemento impulsada polos gobernos locais e, en especial, a sólida colaboración que o Fondo Galego mantivo con Santiago de Cuba, e que deu froitos tan valiosos coma o Plan Mestre de Revitalización da Cidade Histórica.

Programa das xornadas
Formulario de inscrición

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información