O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade presentouse esta semana na Asemblea Xeral da Rede Intermunicipal de Cooperação para o Desenvolvimento (RICD), creada por 15 municipios portugueses co asesoramento da entidade galega no marco do proxecto europeo Redes para o Desenvolvemento. A presidenta a asociación e concelleira de Servizos Sociais en Redondela, Teresa París, encabezou a comitiva desprazada ata a cidade lusa de Maia canda a tesoureira da entidade e concelleira de Benestar Social en Allariz, Pilar Gallego, e mais o alcalde da vila ourensá e vicepresidente segundo da Fegamp, Francisco García.
A delegación completábase cunha representante da Secretaría Técnica do Fondo Galego quen, tras as palabras da presidenta e o rexedor, explicou a evolución da asociación, os seus obxectivos e a súa estrutura e funcións. Pilar Gallego respondeu a continuación as preguntas das e dos asistentes, especialmente interesados no sistema de cotas mínimas que permite a todos os concellos participar na loita contra a pobreza e as desigualdades independentemente da súa envergadura.
Ao longo do encontro, púxose de relevo o papel dos municipios europeos e as súas respectivas asociacións na cooperación internacional para fortalecer as capacidades dos gobernos locais de países parceiros, facilitar os procesos de descentralización e desenvolvemento local e contribuír ao cumprimento dos Obxectivos do Milenio. Son diversos os documentos emanados da Unión Europea que promoven a participación do poder local neste eido, valorando especificidades como a proximidade á cidadanía, o coñecemento das necesidades reais ou o traballo con grupos vulnerables e en materia de desenvolvemento territorial.