O Fondo Galego participa no Foro Mundial do Desenvolvemento Local en Cabo Verde

O Fondo Galego participa no Foro Mundial do Desenvolvemento Local en Cabo Verde

O Fondo Galego participa no Foro Mundial do Desenvolvemento Local en Cabo Verde 900 1153 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A vicepresidenta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Teresa París, atópase en Cabo Verde para asistir ao 4º Foro Mundial de Desenvolvemento Local que estes días se desenvolve na cidade de Praia. A asociación de concellos e deputacións participa así, a través da  tamén concelleira de Igualdade e Cultura en Redondela, no debate internacional para acadar un futuro máis equitativo e sostible, canda máis de 2.000 persoas dos cinco continentes.

Desde 2011, cada dous anos este foro ofrece unha plataforma para a reflexión crítica e a discusión creativa sobre o xeito de facer as cousas dun xeito diferente para acadar un desenvolvemento máis xusto para todo o mundo. Gobernos de todos os niveis, sector privado, organismos internacionais, organizacións da sociedade civil e especialistas da academia comparten neste espazo perspectivas e estratexias innovadoras para promover un desenvolvemento económico e social que beneficie ás comunidades.

O goberno de Cabo Verde, o Programa das Nacións Unidas para o desenvolvemento (PNUD) e a Unión de Cidades e Gobernos Locais e Rexionais (CGLU), entre outras entidades, organizan este evento, moi marcado polos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que a ONU fixou co fin de erradicar a pobreza e as desigualdades no horizonte de 2030. As accións e liderados locais resultan clave para acadar estas metas, polo que neste Foro Mundial tamén se analizará e definirá conxuntamente un mapa de ruta para a consecución dos ODS en cada territorio.

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional.

Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades en relación aos desequilibrios Norte-Sur. No caso concreto de Cabo Verde, desde 2002 cofinanciou máis de 30 iniciativas de cooperación en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade chega en 2017 ao seu vixésimo aniversario.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información