O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade participa o vindeiro mércores, 2 de abril, na xornada ‘A cooperación internacional ao desenvolvemento desde os gobernos locais’ que organiza a Confederación de Fondos. No encontro debaterase sobre as consecuencias da Lei de Bases do Réxime Local para a cooperación municipalista e tamén sobre os escenarios presentes e futuros. O evento dará comezo ás 10 horas na sede da Federación Española de Municipios e Provincias (Rúa do Nuncio, 8), aínda que tamén pode seguirse vía streaming no enderezo http://www.ustream.tv/channel/confocos.
O obxectivo da cita é pór en valor un novo modelo de cooperación descentralizada cada día máis apreciado a nivel internacional, pero que vive momentos moi críticos no contexto do Estado español, a pesar de contar con importantes oportunidades no escenario europeo e multilateral. A xornada contará coa participación de especialistas na materia e mais de representantes políticas/os e técnicas/os nun formato de debate aberto.
O Fondo Galego, que fai parte da Confederación canda entidades semellantes doutras oito comunidades autónomas, estará representado polo secretario e pola presidenta, Teresa París, que moderará a mesa redonda sobre ‘A cooperación descentralizada local vista por outros actores nacionais e internacionais: A xeración de alianzas’. Pola súa banda, Daniel González Palau participará dos relatorios sobre ‘A cooperación local no momento actual’.