O Fondo Galego organiza doce encontros dixitais para avaliar os Obxectivos do Milenio

O Fondo Galego organiza doce encontros dixitais para avaliar os Obxectivos do Milenio

O Fondo Galego organiza doce encontros dixitais para avaliar os Obxectivos do Milenio 1500 1035 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade organizará unha ducia de encontros dixitais con expertas e expertos nos distintos temas que abordan os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. Baixo o epígrafe 'Alén 2015', as citas online programaranse unha vez ao mes para reflexionar sobre as metas fixadas polos Estados membros da ONU para 2015 en ámbitos como a erradicación da pobreza, o ensino universal, a igualdade de xénero, a saúde ou o medio ambiente. Nestes espazos de debate buscarase ir máis alá, pensando nas definicións da axenda da axuda internacional a partir do vindeiro ano.

O cofundador do Observatorio da Débeda na Globalización, David Llistar (@Superllisti), é o convidado no primeiro dos encontros dixitais, que terá lugar mañá venres entre as 12 e as 14 horas co título 'Anticooperación, outra perspectiva da axuda humanitaria'. As e os internautas poderán participar na entrevista en directo a través dos perfís do @FondoGalego en Twitter (twitter.com/FondoGalego), co hashtag #EncontroLlistar, e en Facebook (facebook.com/FondoGalego), no post específico do encontro. As preguntas tamén poden formularse previamente nas redes sociais ou no enderezo fondogalego@gmail.com.

O autor do libro 'Anticooperación. Interferencias Norte-Sur', responderá as dúbidas das usuarias e usuarios, co obxectivo de profundar neste concepto e denunciar a súa práctica. Ao tempo, preténdese demostrar que existe outra forma de tender lazos cos países empobrecidos, de xeito descentralizado, establecendo acordos con parceiros do Sur. Deste xeito, ponse en valor a cooperación a través de proxectos que funcionan, na súa medida, pero cuxos resultados poden verse arrasados por elementos estruturais de anticooperación.

Os encontros dixitais 'Alén 2015' constitúen unha das múltiples actividades incluídas no Plan 2014 'Os Obxectivos do Milenio: Fin… e principios' do Fondo Galego de Cooperación, aprobado onte pola Comisión Executiva. Intégranse asemade nunha aposta pola comunicación online e servirán de previo ás Xornadas de Cooperación que analizarán o balance, alternativas e resultados dos ODM.

Preme aquí para informarte sobre a anticooperación

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información