O Fondo Galego impulsa a agricultura sostible en dous municipios caboverdianos

O Fondo Galego impulsa a agricultura sostible en dous municipios caboverdianos

O Fondo Galego impulsa a agricultura sostible en dous municipios caboverdianos 1354 1228 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Garantir a seguridade alimentaria, xerar emprego e protexer o medio ambiente son os principais obxectivos dos proxectos de rego por goteo que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está a impulsar nos municipios caboverdianos de Tarrafal e São Miguel, co apoio do Concello de Nigrán e da Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento. O alcalde nigranés e presidente do Fondo Galego, Juan González; a secretaria e edil de San Sadurniño, María Muíño, e mais a vogal e concelleira en Santiago de Compostela, María Rozas, veñen de supervisar a intervención sobre o terreo.

Na localidade tarrafalense de Fontão está a rematar a construción do pozo que alimentará un sistema de regadío do que poderán beneficiarse un cento de agricultoras, a maior parte cabezas de familias vulnerables que anteriormente se dedicaban á actividade, agora prohibida, de extraer area das praias, co conseguinte impacto. Na comunidade de Fazenda, o obxectivo prioritario é substituír o vello xerador para bombear a auga cara o depósito situado no cumio dun outeiro, do que partirán as tubaxes perforadas que permitirán regar por gravidade os campos de 26 familias.

Ao mesmo tempo, só falta un trámite administrativo para poder reactivar os cultivos de Ribeira da Prata, dos que poderán tirar proveito outras 24 familias en situación de pobreza. Por outra parte, no municipio de São Miguel estase a potenciar o rego pinga a pinga en Ribeira de Flamengos, onde xa mellorou a produtividade en 11 hortas. O cambio climático está a prolongar as secas que padece toda a zona, de aí que sexa imprescindible optimizar os recursos hídricos. 

A intervención leva aparelladas unha serie de accións formativas sobre mantemento dos sistemas, cooperativismo e manexo da terra, impartidas tanto por persoal municipal como anteriormente por traballadoras dos concellos de Brión e Nigrán, a través do programa de cooperación técnica Especialistas en Cooperar, que xa elaboraran tamén unha primeira diagnose sobre o desenvolvemento económico local. Agora búscase que a agricultura sostible, da que depende a economía local, sexa unha fonte de ingresos para a veciñanza, que poderá vender os excedentes tanto nos mercados como aos provedores da emerxente industria turística.

Desde 2002, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apoiou en Cabo Verde corenta proxectos en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias. Ao mesmo tempo, establecéronse sólidas relacións institucionais coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos (ANMCV) que deron lugar a semana pasada á celebración no arquipélago lusófono do II Encontro Internacional de Mulleres Electas ‘As Elixidas’, que reuniu a alcaldesas e concelleiras de África e Galicia.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información