O Fondo Galego financia pozos en Mozambique para evitar mortes por ataques de crocodilos

O Fondo Galego financia pozos en Mozambique para evitar mortes por ataques de crocodilos

O Fondo Galego financia pozos en Mozambique para evitar mortes por ataques de crocodilos 1199 799 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Achegarse ao río para recoller auga constitúe unha práctica de risco para as comunidades que viven á beira do Zambeze, en Mozambique, xa que se expoñen aos ataques de animais salvaxes, como hipopótamos e crocodilos, que están a causar mortes e graves feridas sobre todo ás mulleres, habitualmente encargadas de encher os bidóns e lavar a roupa. Así acontece no barrio de Mutarara Velha, no municipio de Nhamayábue, ao que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade decidiu apoiar coa construción de catro pozos que garantan un acceso seguro á auga potable, xa que en dous anos 26 persoas da aldea perderon a vida intentando abastecerse.

O fotoxornalista Adrián Irago tivo a oportunidade de comprobalo hai unhas semanas no propio lugar, a onde viaxou como gañador do certame Imaxes con Fondo para preparar unha exposición fotográfica. O reporteiro puido supervisar o correcto desenvolvemento do proxecto de cooperación internacional, ao tempo que se entrevistou con responsables municipais, do comité de xestión da auga e mesmo vítimas dos ataques, que agora se prevé reducir nun 90%. Unha delas foi Fernando, que o mes pasado estivo 16 días no hospital polas trabaduras dun crocodilo na perna e na man. "Estiven a piques de morrer", asegura, aínda que continúa indo ao río. "Non teño outro sitio onde coller auga para cociñar, beber e alimentar ao meu boi, que é o único que teño", conta diante da modesta cabana feita de ramas na que convive co animal.

As mulleres recollen a auga cos bebés ás costas mentres outras vixían. FOTO: Adrián Irago  Estímase que un 80% dos algo máis de 3.000 habitantes de Mutarara Velha, como Fernando, se beneficiarán do abastecemento de auga a través das bombas solares instaladas nos novos pozos, minguando así a incidencia de doenzas como a diarrea, causa de mortalidade sobre todo entre nenos e nenas. Ao tempo, reducirase considerablemente a distancia que as mulleres teñen que percorrer cargando as garrafas, de xeito que poderán dedicar o seu tempo a outras actividades. Elas son as que habitualmente se xogan a vida adentrándose na beira do río, cos seus bebés ás costas e na compaña das fillas pequenas, normalmente en grupo para que unhas vixíen mentres outras fregan os pratos ou recollen a auga. Elas serán tamén quen integren os comités de xestión para manter e supervisar o funcionamento dos pozos, que as afastarán ata 400 metros do perigo, para o que recibirán unha formación básica.

O Fondo Galego cofinanciará con 25.971 euros este proxecto, orzamentado nun total de 26.271 euros, que sen dúbida terá un impacto positivo na mellora da calidade de vida en Mutarara Velha, especialmente no eido da saúde. Os dezaseis anos de guerra civil arruinaron o pequeno sistema de subministro de auga co que contaba o barrio, onde só existen dous pozos que quedan baleiros na época da seca e onde ademais non hai enerxía eléctrica, circunstancias que tamén frean o desenvolvemento. A agricultura de subsistencia e a pesca son as principais actividades económicas na vila, ubicada na rexión central do país africano.

Un dos países máis pobres
Mozambique ten experimentado un crecemento considerable desde o Acordo de Paz asinado en 1992, mais o seu Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) segue a ser un dos máis baixos do planeta, ao ocupar o posto 181 entre os 188 contemplados. A pobreza atinxe ao 55% da poboación, especialmente as mulleres, mentres que a esperanza de vida se sitúa nos 57 anos. O Fondo Galego está a apoiar diversas iniciativas locais que loitan por reverter a situación, como é o caso do proxecto coa Fudação Encontro para previr doenzas e adiccións na mocidade a través do deporte. As actuais liñas estratéxicas da entidade apostan por acentuar a colaboración cos países lusófonos, especialmente os da África máis empobrecida.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información