O Fondo Galego fica integrado por 91 socios tras a primeira Asemblea de 2013

O Fondo Galego fica integrado por 91 socios tras a primeira Asemblea de 2013

O Fondo Galego fica integrado por 91 socios tras a primeira Asemblea de 2013 1199 739 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

A primeira Asemblea xeral do Fondo Galego neste 2013 arrincou onte, en Santiago de Compostela, cunhas palabras da presidenta, Teresa París, quen deu lectura ao informe de situación presentado pola Comisión Executiva, que leva por título 'Somos os que estamos: o municipalismo galego e a solidariedade' e no que se reafirma o compromiso coa cooperación internacional impulsada desde o local. A tesoureira do Fondo, Pilar Gallego, presentou a continuación o balance económico de 2012, que resultou aprobado por unanimidade. Comentouse ademais que o convenio de sensibilización que se viña asinando coa Xunta de Galicia será substituído no presente exercicio por unha achega económica inferior.

Ratificáronse a seguir as baixas solicitadas no último ano pola Deputación de Ourense e os Concellos de Cambados, Samos, Monterroso, Melide e Entrimo. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade fica así integrado por un total de 91 administracións socias, 89 Concellos e as Deputacións de A Coruña e Lugo. 

Na asemblea actualizouse asemade o estado dos catro proxectos no Sur que neste intre se executan canda outras tantas ONGD, despois de que a finais de ano rematara a iniciativa de cooperación directa co Instituto de Promoción Humana en Nicaragua e de que se pechara o proxecto en Haití. Antes de que remate o exercicio está previsto lanzar unha nova convocatoria de proxectos dirixida aos axentes de cooperación galegos e emprender algunha outra iniciativa de cooperación directa.

O secretario da entidade, Daniel González Palau, foi o encargado de expoñer tamén o programa de actuación para o exercicio en curso, despois de que o Plan 2012, ano do 15º aniversario do Fondo Galego, concluíra cun récord de 113 actividades organizadas en 71 entidades socias. Entre as novidades previstas no Plan 2013 de fortalecemento, sensibilización e comunicación destacan a exposición 'Imaxes con Fondo', xurdida do concurso de fotografía do mesmo nome, e as presentacións do documental sobre a entidade realizado pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios. Tamén haberá obradoiros de radio e Dereitos Humanos con Agareso e de consumo responsable con Amarante.

O programa de voluntariado internacional dirixido a persoal técnico das administracións socias, Vacacións con Traballo, convocará nesta ocasión dúas prazas, en Nicaragua e Cabo Verde. Ao arquipélago africano viaxará asemade o gañador do concurso Imaxes con Fondo para visibilizar os proxectos realizados nunha nova exposición fotográfica. A mostra estrearase o 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos, nas VIII Xornadas Anuais de Cooperación, que coincidirán coa Visita ao Norte dunha delegación caboverdiana. O espectáculo da Tropa de Trapo 'Antía, Wamba e o regato pequeno' é outra das actividades que se seguirán ofertando, canda os Ciclos de Cine con Fondo e as exposicións 'Influír no global desde o local', 'Os Obxectivos do Milenio' e 'A paz cuestión de Fondo'.

    Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
    Máis información