Os 1.500 habitantes das comunidades de Injante e Úl, en Guinea-Bissau, terán acceso á auga potable a través das fontes instaladas nas súas aldeas durante a cuarta fase do proxecto impulsado na illa de Pecixe polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Un total de 250 familias, que viven practicamente illadas e sen acceso aos servizos máis básicos, verán melloradas as súas condicións de saúde e hixiene grazas ás novas infraestruturas realizadas en colaboración co goberno rexional de Cacheu.
A técnica do Concello de Lugo, Teresa Vila, e o traballador do Concello de Tomiño, Xoán Amós, que se atopaban no país lusófono para participar no programa Especialistas en Cooperar, veñen de asistir á inauguración do pozo en Injante, onde puideron comprobar a satisfacción da veciñanza co proxecto. O acto, que incluíu unha demostración práctica sobre os beneficios de empregar esta auga limpa, contou tamén coa presenza da gobernadora da Rexión de Cacheu, Honorina Vasconcelos, así como de diversas autoridades locais.
Nas dúas comunidades construíuse un sistema de captación, extracción e abastecemento de auga potable que se traduciu na instalación dun depósito con capacidade para 4.000 litros e unha motobomba alimentada a través de paneis solares que canaliza o recurso hídrico ata as fontes públicas, o que supuxo un investimento de 28.200 euros. Búscase reducir así os problemas de saúde derivados da baixa calidade da auga recollida nos pozos a ceo aberto e mais os esforzos físicos realizados para encher neles os bidóns, sobre todo por parte das mulleres e a rapazada, que adoitan encargarse desta tarefa.
Neste senso, o proxecto levou aparellada unha campaña de sensibilización sobre a importancia de utilizar as fontes e frear a escavación de novos pozos, que representan un perigo para as persoas e tamén unha agresión ao medio ambiente. Destaca asemade a implicación da poboación local en todo o proceso, desde a cesión de terreos ata elaboración dun modelo de xestión conxunta das novas infraestruturas entre o goberno local do Sector de Caio e a comunidade beneficiaria, a fin de garantir a súa correcta utilización e mantemento.
A auga está recoñecida como dereito humano, de modo que “toda persoa ten dereito a dispoñer de auga suficiente, salubre, aceptable, accesible e asequible para o uso persoal e doméstico”. Ademais, a Axenda 2030 recolle como ODS 6 “garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para toda a poboación”.