O Fondo Galego e os Concellos da Coruña, Vigo e Pontevedra rehabilitan casas en Cabo Verde

O Fondo Galego e os Concellos da Coruña, Vigo e Pontevedra rehabilitan casas en Cabo Verde

O Fondo Galego e os Concellos da Coruña, Vigo e Pontevedra rehabilitan casas en Cabo Verde 1000 750 Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

Illa de San Simón, 26 de outubro de 2011. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e mais os Concellos da Coruña, Vigo e Pontevedra, socios da entidade municipalista, apoian a rehabilitación de vivendas na localidade caboverdiana de Eito. O proxecto contempla a construción de baños e cociñas, reparación de fachadas, drenaxe de augas, empedrado das rúas e recuperación de espazos verdes, ademais dunha campaña de sensibilización ambiental.

A través do Fondo Galego, que destina 2.000 euros á iniciativa, o Concello da Coruña achega 20.000 euros, mentres que o Concello de Vigo contribúe con 15.000 e o de Pontevedra con 11.000 euros. As beneficiarias directas son 17 familias extremadamente pobres do lugar de Lombo Comprido, oito delas cunha muller á fronte, aínda que toda a veciñanza de Eito gozará dunha contorna máis saudable. As persoas beneficiarias participan na execución dos traballos, baixo a dirección de técnicos da Cámara Municipal de Paúl.

As casas inacabadas e con apenas dous cuartos para familias que adoitan ser numerosas facilitan a aparición de enfermidades e dos problemas de promiscuidade, amais da vulneración da intimidade, nomeadamente das mulleres. Do mesmo xeito, conlevan a acumulación nas rúas de augas residuais, lixos e excretas, favorecendo a aparición de insectos que difunden enfermidades. A instalación de pozos negros ou a canalización das augas sucias e pluviais contribuirán a mellorar a saúde pública.

Ao mesmo tempo, realizaranse con toda a comunidade actividades de sensibilización sobre cuestións hixienico-sanitarias e medioambientais, co fin de reducir á metade a incidencia de enfermidades infectocontaxiosas no prazo dun ano. A mellora do contorno repercutirá asemade sobre a autoestima das e os residentes e animará ás donas á emprender nas súas casas rehabilitadas pequenos negocios de costura ou de elaboración de doces e salgados.

Este proxecto, ademais de entroncar cos Obxectivos do Milenio e coa Declaración dos Dereitos Humanos, enmárcase no Plan de Igualdade e Equidade de Xénero implantado pola Cámara Municipal de Paúl co cofinanciamento do Fondo Galego de Cooperación. A intervención acada este ano a súa segunda fase, despois de que en 2010 se levara a cabo a primeira coa colaboración do Concello de Vigo.

Back to top
Este sitio web almacena cookies no seu computador. Estas cookies utilízanse para recompilar información sobre como interactúa co noso sitio web e permítenos lembralo. Utilizamos esta información para mellorar e personalizar a súa experiencia de navegación e para obter estatísticas e métricas sobre os nosos visitantes tanto neste sitio web como noutros medios. Para obter máis información sobre as cookies que utilizamos, pomos a disposición a nosa Política de cookies.
Máis información