O Concello de Vigo e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade cofinancian en Nicaragua un proxecto que dotará once familias indíxenas de cadansúa vivenda. A iniciativa permitirá ademais reducir o risco de contraer enfermidades e capacitar a poboación local en materia de autoconstrución e agricultura orgánica.
A administración viguesa, socia do Fondo Galego, destina a través desta entidade 52.000 euros a este proxecto que busca mellorar a calidade de vida da poboación rural chorotega en San José de Palmira, na municipalidade de Totogalpa. A asociación de Concellos e Deputacións achega 6.190 euros, mentres que o orzamento total de 74.847 euros complétano as persoas beneficiarias e o parceiro en terreo: o Instituto de Promoción Humana (INPRHU).
As novas vivendas ergueranse con materiais locais, contribuíndo así a reactivar as microempresas da zona. Dotaranse de latrinas e cociñas melloradas, co que se reducirá o consumo de leña e a inhalación de fumes. Tamén se instalarán paneis solares e sistemas de captación da auga de chuvia para regar a horta.
Baixo a supervisión dun mestre de obra, membros de cada familia traballarán nas casas, co que resultarán capacitados en tarefas de albanelería e carpintería. Participarán asemade nun curso de agricultura biolóxica, que lles permitirá incrementar a produción e, deste xeito, aumentar os ingresos e diminuír os índices de desnutrición.
Máis dun cento de beneficiarias e beneficiarios formaranse en novos hábitos hixienico-sanitarios e de saúde ambiental, o que posibilitará, entre outros, minguar a contaminación das fontes de auga. O obxectivo é reducir un 10% a incidencia de doenzas relacionadas coas condicións da vivenda, como son as enfermidades diarreicas, infeccións respiratorias e mesmo o Mal de Chagas. Ao mesmo tempo, trátase de desincentivar a emigración cara as cidades e fortalecer a organización comunal, á vez que se incide no empoderamento da poboación.
Nos últimos cinco anos, no departamento nicaraguano de Madriz construíronse xa un total de 90 vivendas con recursos xestionados polo Fondo Galego de Cooperación, 15 delas financiadas en 2008 polo Concello de Vigo. O INPRHU conta cunha ampla experiencia na implementación deste tipo de proxectos, pois trátase dunha zona que resultou moi afectada polo furacán Mitch.