O 2 de agosto do 2011 o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade abría unha conta de emerxencia diante da chamada de urxencia da ONU pola crise alimentaria que se desataba no Corno de África, principalmente en Somalia, Kenia, Etiopía e Eritrea.
A conta de emerxencia, fórmula que o Fondo operou en diferentes ocasións para recabar a solidariedade da cidadanía e o municipalismo galego diante de catástrofes humanas e naturais, foi unha canle de axuda que nesta ocasión tan só apoiaron técnicas da Rede Municipalista Solidaria, e que contrasta dramaticamente coa enerxía solidaria que desatou o desastroso terremoto haitiano en xaneiro de 2010, que chegou a acumular máis de 150.000€ entre achegas de Concellos, funcionari@s, ou cidadanía en xeral.
O 30 de abril de 2012 e tras comunicalo nas Redes Municipalistas Solidarias do mes de marzo, o Fondo doou os 425 euros recadados a Comité Español de Acnur (Axencia da ONU para as persoas refuxiadas), co fin de apoiar o seu traballo no Corno de África.
A especulación alimentaria nos mercados a futuro, o control do negocio alimentario por parte da agricultura industralizada ou o acaparamento de terras son factores humanos, en moitos casos mediados por actores estranxeiros ao contexto africano, que sumados as sequías regulares fan desta zona do planeta un espazo xeográfico dun alto nivel de inestabilidade humana.
A problemática no Corno de África continúa sen resolverse, e ameaza con converterse nunha crise permanente de maior intensidade da que xa coñeciamos, sen que o sistema internacional de cooperación ao desenvolvemento teña capacidade de mitigar a situación. As mortes desatadas por esta causa non son facilmente medibles, mais contabilízanse por decenas de miles.
Un informe feito público por Intermon Oxfam e Save the Children, en xaneiro deste ano, baixo o título 'Un atraso perigoso', analiza a indiferenza coa que a comunidade internacional respondeu ao chamado de emerxencia, e a falta de axilidade e procedementos eficaces de canalización da axuda.
No web de Acnur España tamén está dispoñible o informe a 3 de abril ao respecto do traballo desenvolto no terreo pola axencia, que ofrece máis información no teléfono 91 369 0670.
Finalmente, e desde unha perspectiva máis xeral do continente, pódese consultar ademais o boletín de Arredalia (rede de antigos alumnos en prácticas do IGADI), titulado Crise en África.